Aquí encóntrase o punto máis alto de Galicia.

Situados ao leste da provincia de Ourense, os montes de Pena Trevinca son un espazo natural protexido que ocupa case 25.000 hectáreas. Os seus cumes, de máis de 2.000 m de altitude e nevadas no inverno, están coroados por lagos glaciares como O Celo ou a Lagoa da Serpe, de augas purísimas e cristalinas. Estas son montañas que apenas mostran a pegada do home.

Na localidade de Carballeda de Valdeorras, xunto ao río San Xil, está o Teixadal de Casaio. Un fabuloso bosque de teixos, dos maiores de Europa, con máis de 300 teixos estendendo as súas ramas e raíces centenarias, talvez milenarias, entre novos acivros, freixos e abeleiras.

Alta montaña

Paisaxes subalpinas, por riba dos dous mil metros de altitude, só se ofrecen en Galicia na confluencia das serras do Eixe, Calva e Segundeira.

Acádase o teito da comunidade nos tres altos da Pena Trevinca (2.127 m), Pena Negra (2.123 m) e Pena Survia (2.122 m) que coroan este amplo espazo protexido unido ao Parque Natural Lago de Sanabria (Zamora). Salientan daquela a formación de lagos naturais e outros elementos de orixe glaciar. Na vertente oeste galega, que desauga cara á conca do Sil, o Xares e o Bibei deixan fermosas estampas de ríos de alta montaña nas épocas do desxeo.

Polas condicións de afastamento a zona mantívose relativamente illada aínda que tamén en fráxil equilibrio. Un dos seus símbolos cada vez máis recoñecido é a conservación do Teixadal de Casaio. Trátase dun reducido grupo de trescentos teixos centenarios que forman un bosque único en Europa. O outro, a subsistencia dunha parella de aguias reais como elemento significativo da avifauna.

Sen perda

O principal punto de acceso realízase desde a localidade da Veiga, próxima ao encoro de Prada, e que permite o achegamento ao macizo montañoso por pequenas aldeas limítrofes ao espazo protexido. Por exemplo, Xares, cun couto de caza maior; os muíños da Ponte ou as casas de Corzos entre grandes óvalos de pedra.

Ao sur, o acceso á aldea de Pradorramisquedo pola sinuosa estrada desde Viana do Bolo permite achegarse ás beiras do río Bibei modeladas na pedra. Desde aquí é doado continuar ata Porto, na vertente zamorana. Pola contra, o Teixadal de Casaio sitúase no extremo norte do espazo, no concello de Carballeda de Valdeorras. O acceso a pé é longo desde a estación da Fonte da Cova (1.800 m).

Datos de interese

Situación
Concellos ourensáns de Carballeda de Valdeorras, A Veiga, Viana do Bolo, Manzaneda e O Bolo, nos límites coa Comunidade Autónoma de Castela e León.

Superficie
24.860,33 ha.

Acceso
Desvío cara á Veiga na estrada comarcal OU-533 A Rúa-A Gudiña. Desde A Veiga ata Xares por estradas locais. Desde O Barco de Valdeorras, pola OU-121 ao encoro de Prada (A Veiga); ou por Sobradelo (Carballedo de Valdeorras) con desvío pola OU-122 en dirección a Casaio.

Servizos

  • Aloxamento: Si.
  • Comer: Si.
Arriba
Axúdanos a mellorar!