Os romanos pensaban que este era o punto máis occidental da terra e, xa que logo, o mundo acababa aquí. Era o "finis terrae" Por que alguén querería ir á fin do mundo? 

Talvez porque Cabo Fisterra esconde o verdadeiro segredo da Costa da Morte: paisaxes agrestes e praias impresionantes, unhas (ao abeiro do cabo) de augas tranquilas e outras de fortes ondadas como Mar de Fóra, unha das praias máis salvaxes de Galicia. E a grande atracción de todos os tempos, o solpor sobre a inmensidade do océano, o mar da fin do mundo.

Sexa por curiosidade ou por vivir unha aventura, Cabo Fisterra foi un imán desde a máis remota antigüidade, atraendo a viaxeiros de afastados países e tamén, con peor fortuna, a tantos barcos que naufragaron nas súas augas.

Hoxe, co seu potente faro, Cabo Fisterra segue a exercer un atractivo especial sobre os peregrinos do Camiño de Santiago, que non dan por finalizada a súa viaxe ata chegaren aquí. Por algo será.

O Cabo Fisterra

Este lugar foi considerado durante séculos o límite das terras coñecidas,
a fronteira do Máis Alá, a Fin do Mundo.

A punta é un cantil en ascensión desde os temidos illotes do Petonciño e da Centola ata o monte do Facho (242 m) onde disque estaba o Ara Solis da antigüidade para a celebración dos ritos solares. Tradicionalmente considérase o punto máis occidental do continente, aínda que en puridade non lle corresponda tal título. Ata aquí se prolonga o Camiño de Santiago para os peregrinos que segundo a tradición queiman na beira do mar as roupaxes e comeza o regreso á casa.

Desde o principio dos tempos, Fisterra evoca un misterio insondable na alma do ser humano. As raíces da aura lendaria destas terras, abertos á inmensidade do Océano Atlántico, descansan na mitoloxía dos primeiros poboadores de Europa. Os antigos crían que o mundo terreal daba paso, coa chegada da morte, a outra existencia nunha illa situada ao oeste, onde se puña o sol. Nas lendas celtas é frecuente encontrar imaxes de heroes que fan a súa última viaxe a este paraíso nunha barca de pedra. Esta unión de pedra, mar e espiritualidade subsiste en distintas formas ao longo da Costa da Morte.

Cando os romanos chegaron a este lugar, presenciaron por primeira vez o espectáculo arrepiante do sol afundíndose nas augas. Encontraron un altar dedicado ao astro rei, o Ara Solis, erixido polas tribos celtas da zona. Diversas fontes ven un paralelismo directo entre a imaxe do sol afundíndose no mar, e a hostia e o cáliz do escudo de Galicia. Hoxe, unha praza no pobo recibe o nome de Ara Solis.

O punto máis concorrido é o miradoiro do faro coa luz de lusco e fusco irradiando o horizonte.

Antes da chegada do Cristianismo, os europeos xa vían en Fisterra un destino obrigado de peregrinación. Porén, tras o descubrimento da tumba do Apóstolo, a ruta cara o occidente atlántico acadou o seu máximo esplendor. O Camiño de Santiago, guiado polas luces da Vía Láctea, remata aquí, fronte ao océano.

Así pois, o visitante que deixe voar a súa mirada desde este promontorio, non só gozará dunhas vistas de gran beleza, senón que estará a participar dun mito que intimida e atrae ao ser humano desde hai milleiros de anos.

Para chegar ao Faro, tomamos unha pequena estrada desde o pobo de Fisterra. No traxecto gozaremos dunhas impresionantes vistas da liña de costa e a ría de Corcubión. Desde as inmediacións do faro podemos achegarnos ao cemiterio municipal, unha innovadora obra do arquitecto César Portela. Afastado do concepto tradicional, este camposanto está formado por formas cúbicas situadas á beira do mar.  Vale a pena continuar a nosa ascensión pola ladeira do monte Facho. No cumio encontraremos os restos do que foi a ermida de San Guillerme. Prestaremos especial atención ao punto coñecido como "Cama de San Guillerme". Trátase dun espazo escavado nunha rocha do chan, adecuado ás dimensións do ser humano. Segundo a tradición popular, as mulleres da zona ían a este lugar para pedir ao santo pola súa fertilidade.

Faro de Cabo Fisterra

É moi probablemente o faro máis visitado de Europa así como o máis próximo a América.

Construído en 1853, a 138 metros sobre o nivel do mar. Considerado o cabo do fin do mundo "Finis Terrae". Durante miles de anos pensouse que máis alá del tan só existía unha sima acuosa na que o sol se apagaba cada noite e a través da cal se chegaba a unha rexión de tebras poboada por monstros mariños.

É o faro situado máis ao oeste de Europa, cunha torre octogonal, a casa do fareiro e unha praza de homenaxes ofrendada ao xeneral San Martín e á que se denomina, Praza da República Arxentina.

Dise que con días claros se chega a observar a raia de Portugal. É coñecido por todos os navegantes do mundo, pola súa importancia como medio de advertencia da proximidade dunha costa sumamente perigosa (a súa luz chega a alcanzar 65 Km de lonxitude), así como pola fama de traizoeira desta zona marítima.

Dende aquí descóbrense impresionantes panorámicas, da infinidade do océano así como da Ría de Corcubión e a costa de Carnota, sobre a que destaca o conxunto granítico dos montes do Pindo.
 

O fin do Camiño

A condición de “fin da terra” é tamén un aliciente para emprender o Camiño de Santiago, pois todo viaxeiro desexa chegar sempre alén, ata a fin do camiño.

Historia...

Xa o historiador romano Lucius Florus conta como os lexionarios de Roma contemplaron con temor sagrado o solpor sobre o océano, cando alcanzaron o Finis Terrae, no século II a.C. O Finis Terrae, Finisterra ou Fisterra, como se denomina en Galicia, converteuse desde aquela nun lugar obrigado para todo o que fixo xa a Ruta Xacobea. 

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Percorrido...

Se a ruta de Santiago a Fisterra faise pola costa, o viaxeiro encontrará en Noia unha pequena Compostela. Foi precisamente un arcebispo francés, Berenguel de Landoire, quen, mal recibido polos santiagueses, estableceu alí a súa residencia habitual, construíndo igrexas e pazos. Na boca da ría, agrúpase o casarío da vila mariñeira de Muros e de seguido a costa aberta cara a Fisterra. Unha costa con amplos arenais abertos ó océano e elevados montes ás costas. O máis impresionante polos seus altos e misteriosos penedos de granito rosado é o Monte Pindo, o Olimpo Celta dos galegos. E, por fin, a vila de Fisterra, ó redor da súa praza do Ara Solis, nostálxico recordo do altar levantado polos romanos para adora-lo solpor.

O camiño que leva ó extremo do cabo, arrinca xunto á igrexa románica de Santa María das Areas onde se conserva a imaxe do Santo Cristo da Barba Dourada, de incontables lendas. Na parte máis alta do monte, había unha ermida e unhas pedras talladas que lle daban ó lugar un carácter sagrado.

Agora, un faro orienta o incesante desfilar de navíos por un dos lugares de máis intenso tráfico marítimo do mundo. Hoxe xa non estamos na fin da terra, pero si na fin do Camiño de Santiago. Só falta regresar. Regresar de Santiago contentos e satisfeitos. Facer o Camiño de Santiago é unha condecoración que se pode ostentar sempre con orgullo. Se se chegou ata Fisterra, con máis razón.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba