Internándose no mar para separar as augas do Atlántico das do Cantábrico, Estaca de Bares  é o punto máis setentrional de toda a península ibérica.

Está 400 km máis ao norte que Nova Iorque, pero por este lado do Atlántico pasa a cálida corrente do Golfo. Así que estas augas non se conxelan... pero viven en constante axitación, porque en Estaca de Bares o mar é o fillo do vento.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Desde este promontorio gris, verde e impoñente domínase unha vista espectacular. Estaca de Bares é un dos mellores puntos de observación de aves de Europa, de feito conta cunha estación ornitolóxica permanente. Miles e miles de aves pasan por aquí cada ano, en especial de setembro a decembro, polo que para especialistas e afeccionados de todo o mundo este é o paraíso.

A ollada do norte

Latitude 43° 47′ 23.6″ N, lonxitude 7° 41′ 17.9″ W.

Na carta de presentación da punta Estaca de Bares sempre se inclúen as súas coordenadas como punto máis setentrional da península Ibérica e, ademais, divisoria xeográfica entre o océano Atlántico e o mar Cantábrico. Este enclave xa fora declarado Sitio Natural de Interese Nacional nos tempos da II República.

A esta situación estratéxica debe gran parte da súa sona internacional como paso obrigado para centos de miles de aves. A este punto conducen varias rutas migratorias de especies mariñas e terrestres procedentes do Atlántico, o Mediterráneo e o Ártico. As valoracións máis optimistas acadan cifras que exceden os dous millóns e medio de exemplares voando cara ao oeste os que por aquí pasan. É o lugar ideal para observar non só aves como, por exemplo, o mascato, senón tamén cetáceos en augas próximas.

Ademais do faro, existe un miradoiro no antigo semáforo da mariña, convertido na actualidade nun hotel de natureza. Desde alí podemos ver os restos da base de control marítimo colgada sobre os cantís a carón da cal se pendura en vertixe unha sucesión de muíños que forman un conxunto que nos trae imaxes de terra máis ao norte. Con todo a intervención humana máis antiga é o peirao prerromano de Bares (Mañón). O espazo protexido abrangue tamén a costa de Loiba (Ortigueira) cuxos xigantes cantís protexen algunha das praias máis solitarias de Galicia debido ao seu difícil acceso. A forza do mar explica o curioso sistema de amarre das lanchas que nesta zona se sosteñen nas ladeiras por roldanas para evitar que as leve a preamar.

Moi próximo ao espazo protexido paga a pena achegarnos á vila mariñeira do Porto do Barqueiro e á estampa idílica do río Sor na súa desembocadura.

Datos de interese

Situación
Extremo norte da provincia da Coruña, concellos de Ortigueira e Mañón.

Superficie
935,79 ha.

Acceso
Pola estrada AC-862 (Ferrol-Viveiro) ata a ría do Barqueiro e desvío cara ao porto de Bares, pola AC-100.

Servizos

  • Aloxamento: Si.
  • Comer: Si.

Equipamentos
Estación Ornitolóxica de Estaca de Bares (lugar de Muíños, parroquia de Bares).

 

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba