Aquí está a mellor praia do mundo. E non o dicimos nós, dío o xornal The Guardian. É a praia de Rodas nas Illas Cíes. Augas cristalinas e tranquilas, area fina e dourada, unha suxestiva forma de media lúa e, protexendo a praia, un bosque de piñeiros que invitan á sesta.

Se no pasado as Cíes foron refuxio de piratas, agora están deshabitadas e abertas ao público só no verán. Así, consérvanse como un paraíso natural, sen présas, sen tráfico. Só o rumor das ondas e o vento. Mais se botas de menos o ruído, sube ao Faro. As vistas son impresionantes e poderás gozar dun espectáculo único: o balbordo de milleiros de gaivotas (quizais a maior colonia de Europa) nos cantís... voando aos teus pés.

Alén das Cíes, o Parque Nacional das Illas Atlánticas inclúe Ons, Sálvora e Cortegada. En Ons non podes deixar de contemplar as misteriosas "furnas", covas mariñas esculpidas en granito que, como a lendaria "Burato do Inferno", dicíase que baixaba ata o mesmo inferno e nas noites de tormenta podíanse oír as voces dos mortos. E logo, para recuperar forzas, nada como saborear o famoso "polbo á Illa".

Atlántica maxestade

Navegar cara ao poñente é unha das grandes aventuras do litoral galego. Existen as illas galegas, estes son os seus nomes: Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. Arquipélago de augas o bastante turquesa e area suficientemente branca para evocar praias caribeñas... "ata que metes un dedo na auga". Isto afirma como mérito o diario The Guardian ao considerar o areal de Rodas nas Cíes como o mellor do mundo. Augas frías coas mellores propiedades do océano para a vida submarina e historias singulares de pecios afundidos.

Desde o barco da ría de Vigo albíscase a liña do contorno de tres illas que xogan a ser dúas. Son coñecidas como as Cíes porque seguimos a nomealas polo alcume romano de Siccas, as illas secas, aínda que ningunha por separado se chame así. A do norte ou do Monteagudo e a do medio ou do Faro únense polo finísimo areal de Rodas e un lago que completa a estampa paradisíaca. A illa do sur ou de San Martiño permanece afastada das outras por unha canle chamada Freu da Porta. O arquipélago abrangue ademais unha serie de illotes que se unen baixo a superficie nuns fondos de enorme e fráxil biodiversidade, desde a beleza microscópica nos prados de algas ata a grandiosidade dos cetáceos que non é raro observar.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Ons e a súa irmá Onza ou Onceta e o illote das Freitosas pechan a ría de Pontevedra cunha liña de costa perfilada con area de praias. Pola contra, a parte non visible desde terra é extremadamente agreste e propicia para a formación de furnas e cons. A paisaxe submarina desta cara oceánica fórmana paredes verticais ateigadas de vida grazas ao afloramento de augas profundas ricas en nutrientes. Soubérono ben os habitantes desta illa, a única actualmente poboada do Parque Nacional, dedicados á pesca entre a que salienta a captura do polbo.

Sálvora, no extremo occidental da ría de Arousa, con toda a súa constelación de illas cargada de lendas e historias mariñeiras como as pequenas Noro, Vionta e Sagres, é a reserva total en fondo e superficie. Ao igual que nas anteriores Cíes e Ons, o paso do home deixou a existencia de edificacións humanas de uso relixioso (capelas, altar ou igrexa), civil (faros), militar (fortalezas) e industriais. En Sálvora a salgadeira converteuse en pazo con dúas torres e achamos ademais unha aldea de fermosa fasquía tradicional con oito hórreos e capela.

Cortegada e as veciñas Malveiras gozan da proverbial riqueza biolóxica do mar interior de Arousa. Para observarmos a actividade produtiva o peirao e paseo de Carril ofrecen boas leccións de marisqueo cos seus parques de cultivo de ameixa e berberecho. As mareas son a única fronteira da illa de Cortegada que semella conquistable a pé. En ocasións realízanse visitas guiadas que ademais da historia insular amosan tras o seu espeso piñeiral o tesouro vexetal que representa o bosquete de loureiros con exemplares de ata doce metros de altura.

Sen perda

Non circulan vehículos por ningunha das illas que forman o Parque Nacional. Ademais, outro aspecto que debemos ter en conta é o control de lixo.

Os visitantes deberán responsabilizarse dos envases e residuos que transporten ás illas, xa que nas illas NON hai papeleiras. Nas Cíes o acceso controlado a un número máximo 2.200 persoas diarias garante a tranquilidade.

Desde o embarcadoiro de Rodas resulta doado achar os percorridos principais a cada un dos tres faros existentes. Trátase de rutas de dificultade media, un pouco esixentes en días de calor e nalgúns treitos de ascenso. Porén, maior será a recompensa paisaxística.

Unha das máis recomendadas é subida en zigzag ao Monte Faro, a unha distancia de 7 km entre ida e volta desde o peirao. Neste traxecto atoparemos o desvío que nos leva ata a A Campá, unha auténtica ventá labrada en pedra, así como ao observatorio de aves, lugar dende onde poderemos observar sen molestar ás miles de gaivotas patiamarelas que anidan nos cantís das illas.

Na illa de Ons o visitante atopará desde o peirao a praia e o poboado do Curro de onde parte unha longa ruta con varias posibilidades. Subirmos ao miradoiro do Faro entre as construcións dos "illáns" ou ben ir cara ao norte e situármonos na solitaria e fermosa praia de Melide. Cara ao sur, por diferentes carreiros chegaremos ao miradoiro de Fedorentos pasando polo Buraco do Inferno, unha furna con forma de pozo onde se escoita o bruar do mar desde as entrañas da terra.

Os billetes de embarque emítense co regreso pechado en día e hora para a cota de visitantes establecido en cada arquipélago. Non existe transporte regular para saltar dunha illa a outra, pero pódense contratar cruceiros turísticos para visitar en conxunto os ecosistemas das rías.

Natureza senlleira

Os sistemas naturais representativos do Parque Nacional das Illas Atlánticas son as zonas costeiras e a plataforma continental atlántica. En todas as illas existen zonas de reserva para a cría de aves mariñas que o visitante deberá respectar. A vida vexetal está condicionada polos ventos cargados de salitre. A flora máis representativa atópase en cantís e dunas. Abundan as toxeiras; e as rarezas do parque son a camariña (Corema album), a xesta de Ons (Cytisus insularis) e as flores chamadas paxariños da Linaria arenaria. Gran parte dos animais terrestres tamén dependen do mar.

Numerosas colonias de aves, principalmente de gaivota de patiamarela e corvo mariño cristado. No mar, posibilidade de avistamento de cetáceos coma o rorcual común que no verán frecuentan estas augas. Ademais, no medio mariño son importantes as comunidades de algas pardas.

Datos de interese

  • Situación
    Nas Rías Baixas. Componse de catro arquipélagos que son: Cortegada e Sálvora na ría de Arousa, Ons fronte á ría de Pontevedra e Cíes cerrando a ría de Vigo.
  • Superficie
    8.480 ha (1.194,80 ha terrestres e 7.285,20 ha mariñas). En concreto: Cíes (2.658 ha mariñas e 433 ha terrestres), Ons (2.171 ha mariñas e 470 ha terrestres), Sálvora (2.309 ha mariñas e 248 ha terrestres) e Cortegada (147,2 ha mariñas e 43,8 ha terrestres).
  • Acceso
    Servizo regular de transporte marítimo de pasaxeiros a Cíes e Ons en tempada alta (Semana Santa, fines de semana de maio e no verán). Na tempada baixa e para Sálvora e Cortegada durante todo o ano non hai transporte regular, operan navieras autorizadas que ofrecen o transporte e visita guiada segundo os requisitos de cupos e ratios por guía establecidos nas autorizacións.
  • Servizos
    • Aloxamento: Só nas Cíes e Ons.
    • Comida: - Só Cíes e Ons contan con servizos de restauración.
  • Máis información
    Sede do Parque Nacional: Rúa Oliva nº 3 (Vigo). Tel: 886 21 80 90. e-mail: iatlanticas@xunta.es
  • Equipamentos
    • Centro de Visitantes do Parque Nacional. Rúa Palma 4, Vigo Tlf: 886218082.
    • Centro de Visitantes de Ons e Centro de Información en Cíes.
    • Casetas de Información en Cíes, Ons e Cortegada.
Arriba