O xeodestino Mariña Lucense abrangue os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Mar e montañas, ríos e rías, prados e praias.

Na Mariña Lucense os bosques confúndense co mar. É a Galicia Verde que se asoma ao Cantábrico. Preto de 100 km de costa zarrapicada de marabillas naturais. Da paisaxe recolecta da ría do Barqueiro á grandiosidade da praia das Catedrais, un monumento natural escavado polo mar cunha dimensión sobrenatural. Do esteiro do río Sor, paraíso de peixes e aves acuáticas, ao esteiro do Eo, Reserva da Biosfera. Pero ademais, Foz, Viveiro e Ribadeo, portos que conservan a pegada dun pasado señorial. En Cervo, Sargadelos, unha das cerámicas máis emblemática de Galicia.

E no interior da Mariña Lucense, dous tesouros ocultos. Un é a Serra do Xistral, aveseda e misteriosa, terra de turbeiras e cabalos salvaxes. O outro é Mondoñedo, no Camiño de Santiago (o do Norte), antiga sé episcopal cunha fermosa catedral do século XIII.

Patrimonio

A historia da Mariña Lucense está ligada intrinsecamente á do Mariscal Pardo de Cela. Lugares como a ponte do Pasatempo, o castelo da Frouxeira ou o Castro de Ouro en Alfoz, así como a vila de Mondoñedo forman parte da ruta que percorreriamos na procura das pegadas deste personaxe que chegou ata nós dun xeito case lendario. Tamén o Marqués de Sargadelos foi unha figura destacada nas terras do norte da provincia de Lugo.

Os peregrinos a Compostela atravesan as terras da Mariña no seu discorrer polo Camiño do Norte. No seu percorrido descobren xoias como o barrio dos Muíños e a rotunda Catedral de Mondoñedo. Na Mariña está tamén a igrexa de San Martiño de Mondoñedo, a Catedral máis antiga que se conserva en España e tamén importantes cenobios como o convento de San Salvador de Lourenzá.

A torre do castelo de Pardo de Cela en Alfoz, a torre dos Moreno en Ribadeo ou a porta de Carlos V en Viveiro son recursos monumentais moi significativos nesta zona na que tamén se conservan elementos etnográficos de gran valor como o conxunto da Ferrería do Bogo na Pontenova. Os vestixios históricos como o dolmen de Santo Tomé no Valadouro ou os castros celtas de Illade, Sumoas e Coto de Vela en Xove conforman unha ampla gama de recursos que farán da visita á Mariña Lucense unha viaxe inesquecible.

Entre a oferta expositiva e museística da Mariña Lucense destaca o Museo Histórico de Sargadelos en Cervo, o Barco Museo-Boniteiro "Reina del Carmen" de Burela, o Museo do Mar de San Cibrao e o Museo de Arte Sacra de Vilanova de Lourenzá.

Espazos naturais

A Mariña Lucense é tamén un enclave no que a natureza e a riqueza biolóxica e xeomorfolóxica dos seus tramos costeiros forman parte importante da oferta turística.

A praia das Catedrais e o Souto da Retorta teñen a consideración de Monumentos Naturais, neste bosque pódese pasear entre os máis de 600 eucaliptos que conforman o eucaliptal de Chavín (un deles, popularmente coñecido como “o avó”, alcanza os 67 metros de altura). Son moitas as zonas naturais protexidas desde o río Landro ata Monte Maior pasando polo Río Ouro, a Ría de Foz-Masma, o Río Eo e o bosque de Carballido. Cinco concellos (Alfoz, Mondoñedo, Riotorto, Ourol e O Valadouro) forman parte da Reserva da Biosfera da Unesco Terras do Miño e tres (Ribadeo, Trabada e A Pontenova) da Reserva da Biosfera de Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Entre os agasallos que a natureza nos obsequia na Mariña Lucense están tamén a paisaxe desde o Monte da Marosa en Burela ou os importantes recursos cinexéticos e ictiolóxicos dos ríos Sor e Landro ao seu paso por Ourol, así como as vistas da illa Coelleira desde a Punta do Embarcadoiro e a fervenza do Pozo da Ferida en Xove.

 

Festas e gastronomía

Na Mariña Lucense hai máis dunha ducia de festas que contan coa declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia, entre as máis antigas, figuran as San Lucas de Mondoñedo ou a Xira de Santa Cruz de Ribadeo. A Semana Santa de Viveiro conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional.  Na Mariña hai tamén outras festas que contan coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia: as Patronais de San Lourenzo en Foz, a Rapa das Bestas e a Romaría do Naseiro de Viveiro, a Feira do Bonito de Burela, a Festa da Troita da Pontenova, a Festa da Faba de Lourenzá, a Queimada Popular e a Festa do Ourizo de Cervo, a Maruxaina de San Cibrao e o Festival Internacional do Emigrante en Barreiros.

A gastronomía da Mariña Lucense, composta fundamentalmente polas especies mariñas do Cantábrico ten na Faba de Lourenzá o seu produto estrela con Indicación Xeográfica Protexida.

DESTACADO: Conxunto Histórico de Sargadelos

De entre o patrimonio artístico da Mariña Lucense destacan o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, que abrangue os restos da antiga fundición e da fábrica de louza, todo iso fundado por Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos.

Na zona tamén podemos percorrer o Paseo dos Namorados e o encoro do río Xunco, así como ver a Casa da Administración e o Pazo do Marqués de Sargadelos, o Museo Histórico de Sargadelos e o complexo industrial da internacionalmente recoñecida cerámica do lugar. 

Sargadelos é unha das firmas de deseño e creación de porcelana máis tradicionais de Europa, con máis de dous séculos de historia vinculados ao desenvolvemento cultural de Galicia en todos os ámbitos da creatividade.

Arriba
Axúdanos a mellorar!