As festas de Lugo, as Festas de San Froilán, son das máis concorridas de Galicia... e duran case toda a primeira  quincena de outubro e a parte gastronómica prolóngase todo o mes.

Durante este tempo, Lugo convértese a unha mesma relixión: a do teatro, a música, as verbenas, os pasacalles e as tapas! Para moitos, as mellores de Galicia, sobre todo riquísimas especialidades gastronómicas: o polbo á feira, a carne ao caldeiro e as riquísimas sobremesas tradicionais lucenses.

Lugo é tamén e, sobre todo, unha cidade cun espléndido pasado romano como se pode ver na Muralla que a rodea que é Patrimonio da Humanidade, nas Termas ou a Ponte Romana. E non se pode deixar pasar unha visita á Catedral e á Virxe dos Ollos Grandes, unha preciosa talla medieval de pedra policromada. E para recuperar forzas, unha tapa e un viño mencía nas concorridas tabernas do casco histórico.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Destacado

O visitante de Lugo non debe abandonar a cidade sen facer algún tramo da ruta que parte do Centro de Interpretación da reserva da Biosfera "Terras do Miño" na ribeira do río Fervedoira, e percorre uns 18 quilómetros pola marxe esquerda do Miño ata a desembocadura do río Neira.

Nel pódese admirar a beleza das ribeiras e a riqueza natural do río máis importante de Galicia e dos afluentes que nel van desaugando. Na mesma cidade de Lugo, e formando parte deste conxunto, é moi agradable o paseo polo Parque do Miño, que abrangue a franxa lonxitudinal entre a estrada de Madrid (N-VI) e a marxe esquerda do río, desde o barrio da Ponte ata o da Tolda, na confluencia co río Fervedoira, á beira do cal continúa o parque periurbano do Rato.

Todo un circuíto asombrado de especies arbóreas autóctonas. A zona de maior accesibilidade parte do balneario onde ademais podemos visitar as termas romanas. O proverbial remanso do Miño acompáñanos neste treito do parque que está deseñado en tres zonas: unha peonil seguindo a liña dos ameneiros e a vexetación de ribeira, outra para bicicletas de cómodo traxecto, e unha terceira de coches que comunica ata tres áreas de aparcadoiros. Conta ademais con bancos e zonas de lecer para os máis pequenos. 

Ruta recomendada

De inicio...

Iniciamos a nosa ruta visitando os vestixios da antiga Lucus Augusti. Comezamos nos restos das termas romanas, a carón do río, das que boa parte aínda están por escavar. Os elementos conservados áchanse no interior do edificio do actual balneario. Unha das estancias, practicamente intacta, pénsase que servía como vestiario ao contar cunhas fornelas con arcos de medio punto que serían o lugar para deixar a roupa. A outra sala conservada era para os baños fríos e posteriormente foi convertida en capela cristiá.

Ata o Parque Rosalía de Castro...

Trala visita seguimos o paseo ao longo do río ata toparnos coa Ponte Romana, orixinaria do s. I e parte da Vía XIX que unía a cidade con Bracara Augusta e Asturica Augusta. Encamiñámonos a continuación cara ao fito romano máis importante: a muralla do s. III. Como temos que salvar un acusado desnivel dende o leito do río ata o emprazamento da cidade, subimos polas Costas do Parque ata o Parque Rosalía de Castro. O camiño ofrécenos moi boas perspectivas dos sectores sur e oeste da cidade, así como do seu contorno rural, con abundantes hortas e pastos para o gando.

Camiñar pola Muralla...

Seguindo a rúa Xeneral Tella e Viveiro chegamos á Porta de Santiago que nos ofrece a posibilidade de subir á muralla por unhas escaleiras situadas fronte á fachada da Catedral, que logo visitaremos. Cómpre percorrer todo o adarve, moi amplo e de boa base. Será un paseo de algo máis de dous quilómetros, que nos levará unha media hora, pero pasarásenos nun suspiro, pois é realmente fermoso e evocador o feito de ir por riba do monumento e observando a cidade dende unha atalaia excepcional. O percorrido farémolo en sentido inverso ás agullas do reloxo.

Dende o alto da muralla é posible contemplar a paisaxe urbana actual da cidade, con edificios non moi altos no centro e varios espazos libres de certas dimensións no sector intramuros (prazas, xardíns, patios interiores e mesmo algunha pequena leira cultivada ata non hai moitos anos) que explican porque se conservou a muralla, pois non foi necesaria unha expansión fóra do seu contorno ata datas moi recentes.

Tamén se pode gozar da única torre que se conserva en parte, a da Mosqueira. Aínda que dende arriba son difíciles de contemplar ben, a muralla conta con dez portas, a maioría das cales foron ampliadas ou abertas de novo dende 1830. Cómpre destacar entre elas as de Miñá, Falsa e San Pedro, que se conservan dende a época romana con cativas modificacións.

Na Catedral...

Unha vez completado o percorrido baixamos polo mesmo lugar por onde subiramos e podemos contemplar a Catedral, estamos diante da súa fachada neoclásica que se fixo a fins do s. XVIII para substituír a orixinaria románica. No seu interior o máis destacado son as tres naves románico - góticas e o triforio, así como a Capela e Imaxe da Virxe dos Ollos Grandes, así chamada pola expresividade do seu rostro, o coro barroco de madeira e o deambulatorio gótico. Podemos saír pola porta norte, de fermosa factura románica cun tímpano no que se ergue un Cristo Maxestade do s. XIII.

Praza de Santa María, do Campo, da Soidade...

Chegamos así á Praza de Santa María e ao sobrio Pazo Episcopal, barroco. Moi preto está a Praza do Campo, auténtico corazón da cidade, lugar onde seguramente se situaba o foro romano e onde se celebraron mercados na urbe durante moitos séculos. No centro ten unha fonte de traza barroca e nos seus contornos algunhas casas brasonadas e con soportais. Esta praza e os seus arredores son a principal zona de viños e tapas de Lugo, contando tamén cunha boa oferta de restaurantes. É un lugar moi típico e que nos ofrece estampas realmente bonitas da cidade. Nun dos seus extremos ábrese a Rúa Nova, o cardus máximo ou principal arteria da urbe romana. A pouca distancia aparece a Praza da Soidade, coa antiga igrexa gótica de San Francisco, hoxe de San Pedro, á que está acaroado o edificio que alberga o Museo Provincial, onde poderemos completar a nosa visión sobre o legado romano pois conserva moitos elementos atopados ao facer obras na cidade, como o excepcional mosaico que recolle a mitoloxía de Dédalo e Persifae, único no mundo romano. Son notables tamén as coleccións de ourivería prerromana e de elementos paleocristiáns.

Da Praza de Santo Domingo á Praza Maior...

Continuamos camiño e desembocamos na Praza de Santo Domingo, outra das máis concorridas da cidade, onde aparece o Convento das Nais Agustinas, con elementos góticos. Entre Santo Domingo e a Praza Maior, cara a onde nos encamiñamos agora pola rúa da Raíña, está o auténtico centro funcional da cidade, con vocación comercial e hostaleira. Na Praza Maior cómpre destacar a Alameda que ocupa o espazo central, a Casa Consistorial Barroca e o edificio do Círculo das Artes, de estilo ecléctico de fins do s. XIX. Saímos do espazo intramuros pola porta do Bispo Aguirre (aberta en 1894) e seguindo a rúa Ramón Ferreiro chegamos a un sector ocupado por unha serie de servizos públicos e unha ampla zona verde que enlaza co Parque Rosalía de Castro que atravesamos ao comezo da ruta. Aquí están os edificios dos dous institutos tradicionais, as escolas de Maxisterio e Estudos Empresariais e dependencias administrativas. É unha área de descanso e lecer cun magnífico miradoiro sobre o Miño no que rematamos o noso percorrido.

Onde comer

A praza do Campo e as rúas que nela desembocan son unha afamada zona de viños en toda Galicia. É moi agradable percorrer os bares nas horas previas á comida e á cea pola variedade de tapas que acompañan á consumición, incluídas no prezo da mesma, e a boa calidade dos viños, en especial os da próxima denominación de orixe Ribeira Sacra.

Nestas mesmas rúas atópanse algúns dos máis afamados restaurantes da cidade. Pero non é este o único sector de viños e restaurantes da cidade, pois nos barrios de Recatelo (nas proximidades do parque Rosalía de Castro), Milagrosa (na parte norte da Cidade) e Campo Castelo (detrás da Casa Consistorial) tamén achamos boas opcións.

Á hora de xantar ofrécesenos o mellor das materias primas do país, pois as carnes chegadas do contorno inmediato son moi boas e a oferta de peixe non desmerece nada pola proximidade dos enclaves pesqueiros do norte da provincia ou mesmo do gran porto da Coruña. As anguías (fritidas ou en empanada) son un prato típico de Lugo, sobre todo nas aforas, nas proximidades do río. E entre as sobremesas cómpre probar os afamados queixos afumados de San Simón.

Non perderse

  • SEMANA DE TEATRO CLÁSICO
    Finais de xaneiro-comezos de febreiro. Representacións de obras dramáticas clásicas interpretadas por compañías e artistas de sona e tamén noveis.
  • FESTIVAL DE MÚSICA CIDADE DE LUGO
    Semana do Corpus. Esténdese durante os meses de abril, maio e xuño. Concertos de música clásica en diferentes escenarios da cidade, con intérpretes de recoñecido prestixio nacional e internacional.
  • OFRENDA DO REINO DE GALICIA AO SANTÍSIMO
    Faise o domingo seguinte ao día do Corpus, en xuño. Os alcaldes das sete cabeceiras de provincia do antigo reino de Galicia realizan unha ofrenda ao Santo Sacramento, exposto permanentemente na Catedral grazas a un privilexio concedido na época medieval. Unha misa e procesión cerran o acto. Declarada Festa de Galicia de Interese Turístico.
  • ARDE LUCUS
    Festa romana que coincide co solsticio de verán na noite de San Xoán. Os participantes vístense con traxes que imitan aos da época e fanse unha serie de actos, entre os que as fogueiras e montaxes con lume son elemento esencial, rememorando o pasado romano. As representacións teatrais son un elemento destacado da festa.
  • FESTAS DE SAN FROILÁN
    Festa de Interese Turístico Nacional que se celebra do 4 ao 12 de outubro. Festas tradicionais moi concorridas. Pasacalles, verbenas, teatro, concertos, actuacións folclóricas e celebracións relixiosas, son algúns dos actos que se repiten todos os anos, ademais da tradición de ir tomar o polbo ao campo da festa. O Domingo das Mozas cerra as celebracións, rezando a tradición que é o día indicado para atopar moza formal entre as que acoden á festa.
Arriba