Estes son os concellos que integran o xeodestino: A Estrada, Agolada, Cerdedo, Dozón, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Este é o corazón de Galicia. E aquí, no máis profundo dun fermoso bosque de piñeiros, carballos e castañeiros escóndese a Fervenza do Toxa, un fabulosa e hipnótico cadoiro de máis de 30 m de altura. A auga cae entre rochas con tanta forza que ao chocar contra o granito volve a subir, dando a sensación de que "chove cara arriba". E o son da auga fúndese co dos paxaros nunha melodía.

É a maxia de Galicia. Bosques ocultos que se conservan exactamente igual desde hai séculos. Unha paisaxe de conto como o que arrodea o mosteiro de Carboeiro, fundado no século X.

Estamos no val do río Deza, o centro xeográfico de Galicia e Lalín é a súa capital, famosa pola súa multitudinaria Festa do Cocido.  Cerca da Estrada encóntrase un dos pazos emblemáticos de Galicia. É o Pazo de Oca, "o Versalles galego", cos seus románticos xardíns, fontes e paseos de camelias.

Patrimonio

Un monumento reconvertido para uso hostaleiro chama a atención: o convento de Aciveiro, na parte alta da Serra do Candán. O convento comezou a construírse no ano 1135 e segue a estrutura cisterciense.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Aínda que, cabe destacar tamén outros sete monumentos da zona distinguidos coa declaración de Ben de Interese Cultural: as igrexas de San Salvador e Santa María de Vila de Cruces; Santiago de Tabeirós na Estrada; Santa María de Abades e San Pedro de Ansemil en Silleda; así como os gravados rupestres de San Xoán de Tuiriz en Vila de Cruces e os da Pena da Carballeira en Agolada.

Tanto aí como noutros puntos do xeodestino detéctase unha presenza clara da nova cociña de autor, pero que non pode desbancar á tradicional, co porco mandando nos catro puntos cardinais e sobre todo no Entroido, unha festa popular milenaria que se celebra por todo o alto.

Como curiosidade, aínda quedan en pé algunhas alvarizas, esas construcións circulares erguidas para protexer as colmeas da gula do oso, un plantígrado moi abundante na Galicia de onte e que xa só se divisa nas terras de Lugo oriental.

Espazos naturais

Montaña de interior. Néboa no outono e inverno, fermosas paisaxes xélidas. As Brañas de Xestoso, no alto, conforman o primeiro espazo natural protexido. A Serra do Candán é o segundo, e, máis ao oeste, os Sobreirais do río Arnego, unha corrente que vai alimentar o encoro de Portodemouros, limítrofe entre as provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.
 
En Lalín, a Fraga de Catasós ten a declaración de Monumento Natural. Trátase dun bosque autóctono certamente non moi coñecido e, por iso mesmo, de moito máis valor xa que se atopa en excelente estado de conservación.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

No norte o sistema fluvial Ulla-Deza, entre prados e grandes pazos, e ao oeste o Monte Faro, cunha ermida no alto, completan a relación de espazos da Rede Natura.
 

Festas e gastronomía

O cocido é o eixo da gastronomía do xeodestino. Lalín non desperdicia esa oportunidade e a súa Feira do Cocido (Festa de Interese Turístico Nacional) revive cada ano co entroido.

Tamén é moi concorrida a Festa do Gaiteiro de Soutelo, en Forcarei, que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia. Non lonxe, en Vila de Cruces, a Festa do Galo de Curral está considerada de Interese Turístico de Galicia, mentres que, na Estrada, outra cita declarada de Interese Turístico Internacional converteuse en polo de atracción: Rapa das Bestas de Sabucedo, a loita milenaria entre o home e o cabalo salvaxe.

Metidos en agosto é a localidade de Bandeira a que reclama a atención, coa súa Festa da Empanada, existente desde 1974. O lacón é honrado como se merece en Silleda. Mel e queixos completan o mapa gastronómico, o primeiro en Codeseda e os segundos en Vinseiro e Callobre.

Durante o entroido en varias zonas teñen lugar os Altos dos Xenerais do Ulla, normalmente o fin de semana anterior ao martes de entroido, nos que se que cantan os “vivas” e danse os “atrancos”.

DESTACADO: Fervenza do Toxa e Mosteiro de Carboeiro

O río Toxa cae en cascada na coñecida Fervenza desde vinte e cinco metros en caída vertical esculpindo a roca entre un inmenso bosque de carballos e castaños. Esta impresionante paraxe está comunicada por agradables carreiros co Camiño do Sueste a Santiago e tamén co Mosteiro de Carboeiro e a fermosa ermida gótica de San Pedro de Ansemil.

O mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, emprázase a beiras do río Deza e está case oculto na espesura do bosque. O mosteiro está considerado unha xoia do románico oxival galego e foi mandado edificar no ano 936 por Gonzalo e Teresa, Condes de Deza.

 

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba