Apaixónante a arquitectura, os museos, a cultura, as terrazas, a vida nocturna? As sete cidades galegas, magnificamente comunicadas entre si, danche todo o que poidas desexar.
Espléndida arquitectura en Santiago de Compostela, a capital, cun dos centros históricos mellor conservados de Europa e unha gran vida cultural; as súas rúas, repletas de turistas e estudantes namorarante. Pontevedra, coa ría lambendo as súas beiras e un casco antigo dos máis interesantes e animados de Galicia. Nos extremos norte e sur, A Coruña e Vigo, dúas cidades milenarias con praias sen igual e que actualmente son modernas e populosas urbes nas que a arquitectura de vangarda se funde sempre co mar. E no interior Ourense e Lugo, cruzadas polo gran río Miño; descubre a súa gastronomía e os seus innumerables balnearios, verdadeiros paraísos da auga. Pero aínda che queda a perla do Atlántico, Ferrol. Situada nun dos mellores portos naturais de Europa, non deixes de visitar o Arsenal e o Barrio da Magdalena.