A Ría do Barqueiro é unha das máis pequenas de Galicia e tamén unha das máis fermosas. O furioso encontro entre o Atlántico e o Cantábrico prodúcese no cabo de Estaca de Bares, o punto máis ao norte da península ibérica e un excelente observatorio de aves. Cada outono miles e miles de aves sobrevoan esta costa e a illa Coelleira, onde os restos dun antigo mosteiro templario sérvenlles de refuxio secreto.

Xunto á desembocadura do Sor, un río salmoneiro, está o porto do Barqueiro coas súas brancas casas derramadas pola ladeira, como un anfiteatro a ollar o espectáculo do mar. Bares é tamén mariñeiro e pintoresco, co engadido dun xigantesco dique cuxa construción é atribuída aos fenicios.

Ao leste da ría, o abrigado porto do Vicedo convértese na espléndida praia de Area Longa.
 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!