"Pontevedra dá de beber a quen pasa" é un dito galego que expresa moi ben a esencia desta cidade: a hospitalidade.

Esta tradición de acollida, reflíctese na Virxe Peregrina, emblema do camiño portugués a Compostela, honrada polos pontevedreses cunha curiosa igrexa, monumento nacional, coa planta en forma de vieira!

En Pontevedra todo está a un paso. E hai tanto que ver... Tesouros de verdade, como a colección de ourivaría en ouro do Museo de Pontevedra, única en Europa, con xoias espléndidas de máis de 4.000 anos de antigüidade. E outras xoias máis, a Basílica de Santa María, as Ruínas de Santo Domingo e a Igrexa de San Bartolomeu.

Pero aínda hai máis. Parques, alamedas, paseos polo río en plena cidade e un centro histórico que despois do de Santiago, é o máis importante de Galicia. Arquitectura en pedra con casas brasonadas e habitadas, fontes e xardíns, prazas que rebordan vida e terrazas con ambiente ata a madrugada. Isto é vida. En Pontevedra xa non se dorme.

Destacado

O visitante de Pontevedra non debe abandonar a cidade sen pasear pola ribeira do Lérez, recuperada moi acertadamente para o lecer da cidade, pois ofrece ao camiñante un encanto moi evocador, con currunchos moi agradables e que mesmo parecen sacados dun conto.

Na ribeira Norte aparecen os mellores lugares para pasar un momento agradable, e entre eles cómpre recomendar encarecidamente a Illa das Esculturas, na que se pode gozar dun paseo que combina natureza e cultura. Nesta Illa fluvial de 7 hectáreas pódese admirar un variado repertorio de obras escultóricas de grande tamaño de reputados artistas galegos e foráneos ao mesmo tempo que se pasea por un espazo natural de gran valor ecolóxico.

Ruta recomendada

O inicio...

Comezaremos o noso paseo pola atractiva zona vella da cidade, que destaca, máis alá do indubidable interese dos seus monumentos, polo seu harmonioso conxunto pétreo, cheo de casas nobres brasonadas, soportais e prazas que manteñen unha forte vitalidade urbana.

Polas prazas de Pontevedra...

Partiremos da Basílica de Santa María A Maior, situada nun dos puntos máis altos da cidade. Foi erixida no século XVI, custeada polo gremio dos mareantes, cuxo barrio da Moureira se asentaba ao pé da fachada sur do templo, fachada plateresca de moi lograda factura. Buscando o carácter fidalgo da cidade desprazámonos a través da rúa Isabel II cara á Praza do Teucro, nome do mítico fundador grego da cidade, na que nos deteremos a contemplar varios pazos barrocos dezoitescos (Gago, Montenegro, o do conde de San Román e Pita). Seguindo camiño e visitando as prazas de Curros Enríquez e Méndez Núñez vemos as pegadas da fidalguía en numerosas morarías. É interesante pasear por estas labirínticas pero evocadoras rúas, especialmente fermosas nas horas nocturnas, que se abren continuamente en acolledoras prazas que en varios casos manteñen o nome da súa vocación mercantil tradicional, como a da Verdura, onde aínda continúa a súa venda, ou a da Leña, moi típica e de carácter popular, con casas de boa cantería granítica, soportais, galerías e un cruceiro no centro que conforman unha das postais máis coñecidas da urbe. Neste lugar atópase o Museo de Pontevedra, que cómpre visitar pola importancia e variedade das súas coleccións.

Nos arredores da Praza da Ferrería...

Continuamos camiño na procura da Praza da Ferrería, organizada en torno a unha moi bela fonte do s. XVI, onde atopamos un amplo espazo aberto que inclúe a Praza da Estrela e os Xardíns de Casto San Pedro. É este o corazón da cidade, lugar de paso, lecer e celebracións variadas, no que destaca a presenza do convento de San Francisco e da Igrexa da Peregrina. O antigo convento de San Francisco, conserva a igrexa gótica de máis de cen metros de lonxitude, destacando dela a fachada cun gran rosetón e numerosos sepulcros e tumbas de pontevedreses ilustres. Pola súa banda, A Peregrina, situada ao pé do Camiño Portugués a Compostela, foi erixida con forma de vieira e fachada curva a finais do século XVIII.

Cara o río...

Dende aquí collemos a rúa Cobián Roffignac, na que se sitúan as novas instalacións de ampliación do Museo de Pontevedra, e imos cara ao río, no que tras atravesar a ponte de Santiago podemos visitar o atractivo parque Rosalía de Castro. Seguindo camiño polo Paseo do Enxeñeiro Rafael Areses aparece a Illa das Esculturas, que acolle obras de gran formato de variados artistas de gran renome nun espazo de 70.000 m2 no que a natureza tamén está moi presente. Nas proximidades aparece unha interesante obra de arquitectura contemporánea que cómpre visitar, o Pazo de Congresos e Exposicións, e o campus universitario.

Volvendo á cidade...

Retornamos á cidade pola Ponte do Burgo, de orixe romana pero substituída no s. XII por outra con once arcos de medio punto, pola que transcorre o Camiño Xacobeo Portugués no que se sitúa a fermosa capela do Santiaguiño. Dende ela tomamos camiño cara ao magnífico Mercado de Abastos, restaurado polo arquitecto César Portela en 2003, e achegámonos á praza da Pedreira, onde se ergue o pazo barroco de Mugartegui, a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, e nunha das súas esquinas unha antiga casa que conforma un arco polo que nos indica a saída da praza. Dirixímonos cara ao Parador Nacional de Turismo, erixido entre o s. XVI e o XVIII.

Do Parador ao Café Moderno...

Seguimos camiño por unha concorrida zona de viños e tapas, pasando pola Praza das Cinco Rúas, seguindo a de Paio Gómez Chariño e desembocando na rúa Tetuán, onde aparece o Teatro Principal, de mediados do s. XIX e a Casa das Campás, edificio do Reitorado universitario. Moi preto aparece a Praza de España, na que se sitúan a Casa do Concello, as ruínas góticas de Santo Domingo, de evocador aire romántico, e unha serie de espazos verdes que son os restos das antigas hortas dos dominicos: a Alameda Arquitecto Sesmeros, os Xardíns de Colón e os de Vincenti. Dende aquí dirixímonos á Praza de San Xosé ou da Música, espazo para a cultura, pois poderemos achegarnos ao Café Moderno (Centro Cultural A Banca) é ao Centro Cultural A Banca.

No final da ruta...

Para encamiñarnos xa ao final da ruta continuamos pola Avda. da Raíña Victoria Eugenia e San Roque cara á Praza de Touros, en cuxas inmediacións aínda temos a sorte de poder visitar algunhas das tradicionais casas mariñeiras do barrio da Moureira, moi simples pero de gran enxebrismo e fermosura, encaladas e a dobre vertente. Dende aquí volvemos cara á Alameda e rematamos na Praza de Alonso de Fonseca tras percorrer a Avenida de Santa María, na que aparecen as casas dos Fonseca e Méndez Núñez, aínda que perdeu as impresionantes Torres Arzobispais que a completaban.

Onde comer

As numerosas terrazas da Ferrería e a Praza da Estrela, así como nas rúas próximas de San Sebastián ou a Praza da Verdura, contan con numerosas tascas e restaurantes para degustar variadas racións de produtos da terra e da ría.

A cidade é reflexo gastronómico do seu contorno, de xeito que conta con boas carnes de porco e tenreira chegadas do interior da provincia, peixes e mariscos do mar que se abre diante da urbe e os deliciosos caldos albariños, entre os que cómpre destacar os da área do Salnés.

Non perderse

  • FESTA DOS MAIOS
    Celébrase na Praza da Ferrería o primeiro de maio. Festa de orixe pagá relacionada con ritos á fertilidade. Unha serie de grupos ataviados para a ocasión danzan ao ritmo de copliñas satíricas ao redor de monumentos cónicos realizados con fieitos, vimbios e flores, adornados con produtos do campo.
  • FESTA DE SAN BENITIÑO DO LÉREZ
    Cada 11 de xullo. Festa de Interese Turístico Nacional. Celébrase no lugar onde antigamente existía un mosteiro bieito á beira do río Lérez. A devoción por este santo, coñecido como "o máis milagreiro", fai que acudan á romaría multitude de devotos coa intención de curar algún mal, en especial as verrugas.
  • FESTIVAL INTERNACIONAL DE JAZZ
    Durante o mes de xullo. Festival nocturno que é referencia importante no circuíto nacional de jazz.
  • FESTAS DA PEREGRINA
    Comezan o segundo domingo de agosto e prolónganse toda a semana seguinte. Ofrenda á virxe, corridas de touros (é a única posibilidade de velas en Galicia de forma estable e en praza aberta), concertos e fogos artificiais son elementos consubstanciais a elas.
  • FEIRA FRANCA
    Primeira fin de semana de setembro. Rememóranse na zona vella as Feiras Francas do s. XV. Ambiente medieval
  • ENTROIDO
    Comeza o sábado anterior ao Mércores de Cinza cun gran desfile. O martes de Entroido celébrase A Noite Pirata e o venres a Mostra da Parodia polas rúas da cidade. Remata o sábado co Enterro do loro Ravachol, figura moi importante dentro do Entroido pontevedrés. Datas variables.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!