Unidas en Punta Carboeira, as xemelgas rías de Ares e Betanzos son terras de señorío e lenda. O seu mar, tranquilo e xeneroso, ofrece algunhas das praias máis animadas das Rías Altas, perfectas para tomar o sol e gozar dos deportes náuticos. Ares, Redes, Cabanas, Pontedeume, Perbes, Miño, Sada... Vilas mariñeiras e señoriais, ambiente de vacacións.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

E cara ao interior, Bergondo e a súa espléndida igrexa románica. Ou Betanzos, a "capital do gótico galego", con xoias como o Sepulcro dos Andrade ou a igrexa de Santa María do Azougue.

Terra dentro, preto de Pontedeume están as Fragas do Eume, un dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa, con paisaxes que parecen tiradas dun soño. Unha tolemia vexetal de bidueiros, castiñeiros, carballos e fentos que alimentados polas augas do río Eume serven de morada a corzos, raposos e porcos teixos. O bosque esconde ademais outras dúas xoias, os mosteiros de Caaveiro e Monfero.

 

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba