Cidade curtida en mil batallas, Ferrol é unha sabia mestura de cultura, elegancia urbana e poderío militar.

Para entrar en ambiente, un paseo polo Barrio da Magdalena, trazado exactamente como unha libra de chocolate seguindo o racionalismo da Ilustración, e con marabillosos edificios modernistas como o Teatro Jofre.

Se che gusta a historia naval, o Castelo de San Felipe, as Fortalezas e en especial, o Arsenal. Construído no século XVIII baixo os aires da Ilustración, o Arsenal é un complexo de obras hidráulicas e edificios único en Europa, entre os que se inclúe o Museo Naval, visita obrigada e moi entretida.

Pero ademais Ferrol garda sorpresas como a súa Semana Santa, a máis antiga e espectacular de toda Galicia... E un gusto pola boa mesa que se reflicte nos seus mercados, pastelarías e cafés. Como dixo Napoleón: "Un brinde polos valentes ferroláns!"

Destacado

Unha experiencia que o viaxeiro non debe deixar de vivir é a visita ao Castelo de San Felipe, que nos evocará épocas pasadas e a importancia que o elemento militar tivo na construción e desenvolvemento da cidade.

Fortaleza ás aforas da cidade, na ribeira do mar, na boca da ría. Ofrece fermosas e estratéxicas vistas da cidade e unha panorámica moi ampla da ría.

As súas orixes atópanse cara ao 1589, cando a cidade foi visitada polo monarca Felipe II e os seus enxeñeiros militares. En 1732, baixo a dirección de La Ferrière, realízanse obras de ampliación, rematadas en 1775.

Ruta recomendada

Unha oportunidade perfecta para coñecer unha cidade do século XVIII diferente ao resto de cidades galegas. A ruta pódese facer a pé e sen grandes presas nunha mañá.

Comezo...

Sairemos do porto, moi preto do peirao de Curuxeiras, trazado a mediados do século XVIII, no que podemos apreciar as características da enxeñería militar da época, funcionalidade e xeometría de liñas de gran sobriedade. Dende este punto encamiñámonos polo atractivo Paseo da Mariña cara a rúa Espírito Santo e á Praza Vella, nas que cómpre destacar as vivendas tradicionais onde sobresaen as galerías, tan características das urbes galegas. Estamos no Ferrol Vello, anterior ao despegue urbano do s. XVIII cunha forte irregularidade no trazado das rúas. Dende a Praza Vella achegámonos á Porta do Parque (s. XIX), que comunica esta área máis antiga da cidade co Arsenal, impresionante complexo militar construído cara a 1750 segundo planos de Julián Sánchez Bort.

Polo Arsenal...

Dentro deste recinto poderemos facernos unha idea da gran importancia que a Armada tivo na construcción da cidade. Debemos fixarnos na praza porticada rectangular que comunica coa dársena; na Sala de Armas, pechada polo norte polo Cuartel de Instrucción; no Dique do Sino ou da Campá (s. XIX); no edificio das Ferrerías, que acolle de xeito permanente a Exposición Nacional de Construcción Naval; no Museo Naval e na Biblioteca da Zona Marítima do Cantábrico, instalados no antigo cárcere de San Campio. Unha vez que completemos o percorrido, abandonaremos o recinto a través da Porta do Dique, da mesma época, na que aparece unha fermosa pedra de armas de Carlos III.

Do Teatro Jofre ao edificio do Goberno Militar...

Desembocamos así na Praza de Galicia, no Teatro Jofre, edificio modernista de gran orgullo para os ferroláns, construído no terceiro cuarto do século XIX, de arquitectura moi atractiva e cunha interesante programación cultural e artística. Na parte posterior ao Teatro (na Rúa da Coruña) aparece a sobria Concatedral de San Xiao, neoclásica do segundo terzo do s. XVIII, con interesantes tallas e pinturas no seu interior. Unha vez rematada a visita encamiñámonos pola Rúa Igrexa á Alameda de Suances e á Praza da Constitución, un dos espazos verdes máis amplos e acolledores da cidade, onde poderemos descansar un chisco e admirar o edificio do Goberno Militar, tamén do s. XVIII, orixinariamente prisión municipal e hoxe sede da Fundación Caixa Galicia.

Polo barrio do Esteiro...

A Alameda de Suances e os Cantóns de Molíns son os restos dun amplo e concorrido paseo que nese mesmo século ía do porto ao barrio de Esteiro. Seguimos o percorrido que levaba ese antigo paseo e continuamos pola Rúa Pardo Baixo ata a elegante Igrexa neoclásica das Angustias, de mediados do s. XVIII, xurdida como parroquia castrense. Dende este lugar tomamos a Rúa Taxonera, onde podemos botar unha ollada á meritoria porta de entrada aos actuais estaleiros Navantia (mediados s. XX), encamiñándonos logo cara ao Cuartel de Dolores, situado no vértice sur do barrio do Esteiro, é base do Terzo Norte de Infantería de Mariña, obra de mediados do s. XVIII. Por un dos seus laterais accédese ao Arco de Fontelonga, único vestixio recentemente restaurado, das tres entradas que por mar existían á antiga cidade amurallada. Seguindo camiño cara ao norte, preto da Praza de Ferrándiz atopamos a antiga porta do Estaleiro, neoclásica.

No Campus Universitario...

Estamos moi preto do Campus Universitario. Unha institución moi valorada na cidade polo dinamismo recente que introduciu, tanto no urbanismo como no campo económico e social. O campus está situado no que foi o antigo Hospital de Mariña, do s. XVIII. A carón do mesmo atópase a Casa do Patín, do mesmo período, que na actualidade é sede da Biblioteca Universitaria.

No barrio da Magdalena...

Iniciamos o regreso cara ao centro atravesando a interesante Rúa Carlos III, a única que queda do antigo barrio de Esteiro, creado no século XVIII para os obreiros que construíron o Arsenal e derrubado na década de 1970. Continuamos por Espoz y Mina, San Amaro e Praza do Callao para desembocar no barrio da Magdalena, conxunto histórico-artístico e emblema da cidade, pois é unha intervención urbanística completa seguindo as directrices da arquitectura xeométrico-racionalista do século XVIII. Unha xoia urbanística erixida segundo os planos aprobados por Carlos III en 1761, cunha morfoloxía cuadrangular, só interrompida polas Prazas de Amboage e Armas.

Cruzamos o barrio seguindo o trazado rectilíneo da Rúa Magdalena, con bos exemplos da arquitectura civil da época, como o Ateneo Ferrolán, e abundantes edificios con galerías. Seguimos a Rúa Méndez Núñez que nos leva á Praza de Amboage, que é a que mellor conserva a fisionomía orixinal. Continuamos pola Rúa Real ata o edificio da Capitanía Marítima, onde se atopan os xardíns de Herrera, o Obelisco de Churruca e a igrexa neoclásica de San Francisco. Dende este lugar tense unha das mellores vistas da cidade e da ría. A visita nocturna deste barrio é especialmente bonita, pois a lograda iluminación, as rúas rectilíneas, os edificios máis significativos resaltados, evócannos aires doutra época. Tan só nos resta xa encamiñarnos de novo ao Ferrol Vello e rematar a nosa visita no Baluarte de San Xoán, resto da antiga muralla, que nos ofrece unha nova e realmente agradable vista sobre o porto e a ría de Ferrol.

Onde comer

Aínda que a oferta é variada, a mellor área culinaria é o barrio da Magdalena, fundamentalmente nas inmediacións das rúas María e Sol.  A rúa Sol é máis de tapas, con numerosos locais onde os máis enxebres nos ofrecen a rica gastronomía local, fundamentalmente mariñeira.

Non perderse

  • DÍA DE SAN XIAO
    7 de xaneiro, patrón da cidade, ese día ofrécese unha degustación gratuíta de arroz con leite, que é a sobremesa típica ferrolá.
  • NOITE DAS PEPITAS
    Celébrase o 18 de marzo. Dedícase a enxalzar a figura feminina a través da música. Na praza de Amboaxe as mulleres ferrolás (as pepitas) son cortexadas polas roldas e corais polifónicas, que fan distintas xeiras indo a cantar ao pé da xanela dalgunha muller.
  • FESTAS DE VERÁN
    Primeira quincena de agosto. Típicas festas de verán con concertos e outra serie de actos. Rematan (cun salto de quince días) o 31 de agosto cunha sesión pirotécnica en homenaxe a D. Ramón Plá, marqués de Amboaxe.
  • BATALLA DE BRIÓN
    O domingo máis preto do 25 de agosto. Conmemórase a derrota das tropas inglesas que tentaron tomar a cidade no ano 1800, repelidas polas forzas da cidade e os veciños nos montes de Brión. Percorrido por unha ruta de sendeirismo de 12 km. e actos a carón do Castelo de San Felipe e do monumento dos heroes de Brión.
  • SEMANA SANTA
    A máis senlleira de Galicia, declarada de Interese Turístico Nacional. Datas variables. Paralelamente ás procesións realízanse outros actos relacionados coa propia Semana Santa (exposicións, música sacra, etc.).
Arriba
Axúdanos a mellorar!