Patrimonio da Humanidade desde 1985, Santiago de Compostela leva séculos atraendo visitantes e peregrinos de todo o mundo. É a cidade máis cosmopolita de Galicia pero tómao con naturalidade, por iso desde o primeiro momento sentes que formas parte dela. Aquí telo todo.

No casco histórico, a Catedral e o Pórtico da Gloria. Prazas emblemáticas como a do Obradoiro, a Quintana e O Toural. Decenas de igrexas, conventos e pazos. Románico, gótico, barroco. E tamén tendas, bares, restaurantes e un bonito Mercado de Abastos ateigado de produtos frescos.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Ademais, en pleno centro, a Alameda coas súas árbores de camelias e o Paseo da Ferradura, cunha estupenda vista da catedral. E á beira do Sar, a Colexiata de Santa María e as súas imposibles columnas inclinadas. Santiago é grande. E así faiche sentir.

Destacado

O visitante de Santiago non debe perder a oportunidade de subir ás cubertas da Catedral. A visita aos tellados do templo era xa recomendada no Codex Calistinus para poder apreciar a súa espléndida beleza. O que nós podemos engadir é que dende elas se pode divisar gran parte do conxunto histórico e da parte nova da cidade, así como dos arredores de Santiago, dende o Monte Pedroso ata o do Gozo, converténdose nun miradoiro excepcional.

Dende arriba, Santiago pódese entender mellor, volvéndose ao mesmo tempo máis verdadeira e máis mítica. Nas cubertas poderemos ver a Cruz dos Farrapos, baixo a que os peregrinos medievais queimaban as súas roupas vellas do camiño, nunha especie de ritual purificador. É tamén o lugar óptimo para apreciar as fases construtivas do templo e os variados estilos arquitectónicos empregados ata conseguir o fastoso resultado final.

Ruta recomendada

En Bonaval...

Iniciamos a nosa ruta partindo do Parque de San Domingos de Bonaval, antiga finca e cemiterio dun convento dominico. Ofrece unhas vistas sorprendentes cara a poñente dos teitos da zona monumental. A carón do parque está o Panteón de Galegos Ilustres (cos restos de Rosalía de Castro, Brañas, Asorey, Cabanillas, Fontán e Castelao) e o Museo Etnográfico do Pobo Galego, que alberga unha excepcional escaleira de caracol barroca. Inmediatos a estes edificios aparece o Centro Galego de Arte Contemporánea, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza.

Na Zona Vella...

Continuamos pola rúa Valle Inclán ata a de San Roque, onde se ergue un antigo Hospital barroco, cunha fermosa portada e coqueto claustro, situado a carón da antiga Porta da Pena, pola que entramos na zona vella. Seguimos a rúa Algalia de Arriba (nela e nas paralelas situábanse a maioría das pensións de estudantes ata ben avanzado o s. XX). Á altura do nº 27 detémonos diante dunha torre gótica (s. XIII) de catro alturas de aire maxestoso que conta con elementos decorativos nalgunha das súas fiestras. Collemos á esquerda a calella dos Truques e tomamos a Algalia de Abaixo, área de animada vida nocturna xunto coas rúas do arredor, onde no nº 29 aparece a casa máis antiga da cidade, do s. XI ou XII, boa mostra da arquitectura medieval con saíntes. Xusto enfronte érguese o pazo barroco de Amarante. Camiñamos pola Compostela máis enxebre: Entremuros, rúa da Oliveira e Praza dos Irmáns Gómez, chegando finalmente á porta da Igrexa de Santo Agostiño, á que lle falta unha torre, derrubada por un raio no s. XVIII.

Do Mercado de Abastos a Belvís...

Ao seu carón está o Mercado de Abastos, de gran colorido e enxebrismo que cómpre visitar, sobre todo se é xoves ou sábado. Nel os campesiños dos arredores da cidade venden os produtos que eles cultivan e elaboran. Ademais, véndese peixe moi fresco e magníficas carnes e froitas. Inmediata aparece a Igrexa de San Fiz de Solovio, con fermosa portada románica, lugar onde vivía o eremita que fixo o descubrimento da tumba do apóstolo. Enfronte érguese o edificio da Universidade Literaria, hoxe Xeografía e Historia. Rodeámolo e desembocamos así na praza de Mazarelos, onde está a única porta que se conserva da antiga Muralla, pola que entraba o viño á urbe. Atravesámola e dirixímonos por Patio de Madres e Castrón Douro ao tradicional barrio de Sar para visitar a Colexiata de Santa María de Sar, Igrexa románica con claustro do s. XIII. No interior sorprenden os muros e piares completamente inclinados que sosteñen as naves, reforzados no exterior por recios contrafortes. Retornamos seguindo as rúas Camiño da Ameixaga e Andújar, abríndosenos amplas panorámicas da cidade histórica, para chegar enseguida ao convento barroco de Belvís e ao parque do mesmo nome, gran espazo aberto a carón do casco nobre e no que mesmo podemos ver hortas cultivadas.

Entrando polo Camiño de Santiago...

Tomamos a calella da Tafona, que nos deixa na rúa da Virxe da Cerca, moi preto da Porta do Camiño, por onde entraban os peregrinos que chegaban polo Camiño Francés, que continuaba intramuros pola rúa das Casas Reais, cualificativo que adquiriu ao pasar a noite nunha das súas vivendas Xoana “a Tola” e Filipe “o Fermoso” en 1512. Destacan nesta rúa a neoclásica Igrexa das Ánimas e o Pazo de Fondevila (s. XVIII). Desembocamos na Praza de Cervantes, na que destacan a Igrexa neoclásica de San Bieito e dous pazos barrocos, un dos cales albergou ao Concello. Tomamos a calella de Xerusalén e saímos á praza de San Martiño Pinario, na que se ergue a magnífica fachada renacentista do mosteiro que lle dá nome, aos pés da cal hai unha excepcional escaleira barroca de dobre entrada. Seguimos pola Rúa da Moeda Vella e chegamos á Praza da Inmaculada, onde está a fachada principal do mosteiro, o máis grande de Galicia, e a fachada norte da Catedral, neoclásica. Dende aquí dirixímonos á Praza da Quintana, na que se atopa a Porta Santa. É un espazo moi sobrio e ao mesmo tempo acolledor. A súa escalinata é o lugar ideal para sentarse a descansar e ollar o animado ambiente urbano.

Nos arredores da Catedral...

Entramos na Catedral pola Praza de de Praterías, na que destaca a Fonte dos Cabalos e a Portada do s. XII, e no interior topámonos co esplendor románico das súas naves e do deambulatorio. Visitamos a cripta do Apóstolo, abrazamos ao Santo no baldaquino central e achegámonos ás diferentes capelas. Antes de abandonar o templo contemplamos o maxestoso Pórtico da Gloria e descendemos cara á Praza do Obradoiro. É outro espectacular escenario arquitectónico, co Hospital Real (Hostal dos Reis Católicos) plateresco; o Pazo de Raxoi, neoclásico con aires versallescos, compartido polo concello de Santiago e a Xunta de Galicia; o Pazo de San Xerome, con portada do s. XV, sede do reitorado da Universidade; e a propia fachada barroca da catedral, obra de Fernando de Casas, pechándoa.

Deixamos atrás a praza e seguimos polas rúas de Fonseca e Rodrigo de Padrón para achegarnos á Alameda, na que remataremos o noso paseo. Aquí poderemos obter a mellor estampa fotográfica da Catedral e da zona vella dende o Paseo dos Leóns e unha fermosa panorámica do campus universitario (deseñado na década de 1930) dende o miradoiro do Paseo da Ferradura.

Onde comer

A oferta culinaria de Santiago é moi rica e variada. Nas cartas hai unha amplísima variedade de mariscos e peixes, destacando ao polbo "á feira". O menú complétase con moi boas carnes, caldos e legumes, variadas empanadas e un pan de excelente calidade. Para acompañar a comida ofrécense os estupendos viños galegos de calquera das denominacións de orixe propias. A augardente, ou caña, é moi afamada, así como os seus derivados licores de café e herbas. Na sobremesa sobresae a torta de Santiago (con améndoa), as filloas e o queixo de tetilla da denominación de orixe Arzúa-Ulloa, así como os bombóns artesáns Pedras de Santiago.

Para xantar existe unha oferta moi variada en toda a cidade pero destaca, pola cantidade de locais con opcións para todos os petos, a zona situada nas inmediacións da catedral, en especial nas rúas Franco e Raíña, onde case todas as portas son restaurantes. Outras boas opcións aparecen na rúa da Troia e nas súas inmediacións. Na zona de San Roque e Praza das Penas existen varios locais con moi boas cartas. Pola súa banda, as rúas San Clemente e Carretas contan con afamados restaurantes.

Arquitectura contemporánea

En Santiago non destacan só os edificios históricos, senón que se ten creado nos últimos tempos grandes obras de arquitectura contemporánea que tamén cómpre destacar e visitar. Os promotores destas novas arquitecturas de vangarda son fundamentalmente o Concello (xa sexa por si só ou atraendo investimentos públicos e privados) e a Universidade.

Entre os primeiros cómpre citar o conxunto formado polo Centro Galego de Arte Contemporánea (Álvaro Siza, 1992-1994) e o Parque de San Domingos de Bonaval (do mesmo arquitecto e Isabel Aguirre, 1990-1994); o afamado Centro Sociocultural da Trisca , unha das poucas obras construídas dun dos teóricos da arquitectura máis influentes da segunda metade do s. XX, John Heiduk (1993-2002); o Multiusos Fontes do Sar, de Josep María de Arenaza e Joaquín Pujol (1991-1996); o Auditorio de Galicia de Julio Cano Lasso (1986-1989); ou o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, de Alberto Noguerol e Pilar Díez, 1991-1995.

Entre os segundos son meritorios a Escola de Altos Estudos Musicais, cubo pétreo obra de Antón García Abril (1989-2001); os Institutos de Investigación do arquitecto galego Gallego Jorreto (1996); ou a magnífica Facultade de Ciencias da Comunicación do portugués Álvaro Siza (1993-1999).

Como lugar de confluencia e de proxección internacional, a Cidade da Cultura de Galicia revitalizará no século XXI a dobre vocación viaxeira e hospitalaria do pobo galego, contribuíndo, desde o ámbito cultural, ao seu desenvolvemento económico e social. Os seus singulares edificios, conectados por rúas e prazas e dotados dun avanzado nivel tecnolóxico, configuran un espazo de excelencia para a reflexión, o debate e a acción orientados cara ao futuro de Galicia e a súa internacionalización.

Non perderse

  • FESTIVAL INTERNACIONAL DE TEATRO UNIVERSITARIO
    Celébrase durante o mes de marzo. Grupos de teatro universitario europeos e iberoamericanos dan unha mostra das últimas tendencias no campo da dramaturxia.
  •  FESTIVAL DE MÚSICA "VÍA STELLAE"
    Durante a primeira quincena de xullo reúnense os máis prestixiosos instrumentistas e vocalistas do mundo. Xéneros que abarcan música clásica, antiga, de cámara, zarzuela, ópera, godspell e música étnica.
  • FESTAS DO APÓSTOLO
    Festa de Interese Turístico Internacional que se celebra do 15 ao 31 de xullo. Destacan as cerimonias relixiosas que rematan coa Ofrenda Rexia Nacional o 25 de xullo, con Misa Pontificial e Botafumeiro na Catedral. Ademais, toda unha serie de celebracións que inclúen fogos artificiais as noites do 24 (na praza do Obradoiro, acompañados da tradicional queima da fachada mudéxar da Catedral) e 31, o Festival Folclórico, a homenaxe ás Bandas de Música, concertos, teatro, concursos deportivos, etc.
  • CINEUROPA
    Celébrase durante todo o mes de novembro. Xa de longa tradición está pensado para o deleite do cinéfilo, pasa revista ao mellor cine non comercial da temporada.
Arriba