O futuro xa está aquí. Ao grande.

É unha proposta arquitectónica tan espectacular que levanta paixóns. Chámase “Cidade da Cultura”, unha arriscada e imaxinativa creación do grande arquitecto Peter Eisenman. Está en Santiago de Compostela, maxestosamente asentada na cima do monte Gaiás, e é unha visita imprescindible para estar á última. Porque ademais de albergar a Biblioteca, Museo de Galicia, etc a Cidade da Cultura ofrece unha estupenda e variada programación: exposicións, concertos, conferencias, cine, obradoiros, seminarios e proxectos culturais de vangarda... durante todos os días do ano.

Que non cho conten. Ven e víveo en directo.

Un proxecto do século XXI

Situada en Santiago de Compostela, emblema da tradición cultural europea e cidade histórica que foi declarada Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO en 1985, a Cidade da Cultura de Galicia érguese, na cima do monte Gaiás, como un formidable fito arquitectónico do novo século.

Deseñada polo arquitecto americano Peter Eisenman para acoller as mellores expresións da cultura de Galicia, España, Europa, Latinoamérica e o mundo, esta nova "cidade", inclusiva e plural, contribuirá a responder aos desafíos da sociedade da información e o coñecemento.

Esta nova "cidade", inclusiva e plural, contribuirá a responder aos desafíos da sociedade da información e o coñecemento.

Os seus singulares edificios, conectados por rúas e prazas e dotados dun avanzado nivel tecnolóxico, configuran un espazo de excelencia para a reflexión, o debate e a acción orientados cara ao futuro de Galicia e a súa internacionalización.

Nos seus espazos, acollerá servizos e actividades destinados á preservación do patrimonio e a memoria, e ao estudo, a investigación, a experimentación, a produción e a difusión nos ámbitos das letras e o pensamento, a música, o teatro, a danza, o cine, as artes visuais, a creación audiovisual e a comunicación.

Como lugar de confluencia e de proxección internacional, a Cidade da Cultura de Galicia revitalizará no século XXI a dobre vocación viaxeira e hospitalaria do pobo galego, contribuíndo, desde o ámbito cultural, ao seu desenvolvemento económico e social.

Arriba
Axúdanos a mellorar!