Ourense é a cidade da auga. Oito pontes cruzan aquí o río Miño, que en tempos dos romanos era unha mina de ouro. Agora xa non hai ouro, pero si unhas augas moi valiosas: as augas termais.

Hainas por toda a cidade e moitas son gratuítas. Como as termas da Chavasqueira á beira do río, onde poderás gozar dun baño Zen. As augas brotan tamén a 65º en pleno centro, na fonte das Burgas, que co Santo Cristo e a Ponte Romana, son os símbolos da cidade.

Pero ademais Ourense ten unha orixinal Praza Maior... inclinada, e un casco histórico rico en igrexas e capelas. O Pórtico do Paraíso da Catedral conserva aínda a súa policromía orixinal.

E na Capela de San Cosme e San Damián, unha curiosidade descoñecida polos visitantes: aquí exponse, durante todo o ano, o belén máis sorprendente que se pode ver.  E se queres animación, non te preocupes. Se algo lles gusta de verdade aos ourensáns é saír á rúa.

Destacado

O visitante de Ourense debe empaparse da esencia da cidade, do elemento que orixinou o asentamento: as augas termais.

A área termal da Chavasqueira–Outariz ofrece unha inmellorable oportunidade de gozar e aproveitar as bondades das augas mineiro–medicinais quentes que brotan das diferentes burgas existentes no contorno da cidade. Para iso pódese percorrer o Paseo Termal, que discorre pola marxe dereita do río Miño, comezando no Campo da Feira e rematando en Outariz.

Nun percorrido de tres quilómetros pódese gozar de catro estacións termais. A primeira é a Chavasqueira, con piscinas de auga quente mineiro–medicinal (mana a 41º), de uso público, e o complexo privado de inspiración xaponesa. A cincocentos metros atopase a Fonte de augas termais do Tinteiro, con boas propiedades para problemas dermatolóxicos, que mana a 43º. Seguindo o sendeiro habilitado polo concello, a dous quilómetros do Tinteiro, aparece a Burga do Muíño das Veigas (as augas manan a entre 65º e 72º), que conta con catro piscinas termais públicas. O percorrido termal remata en Outariz, onde se atopan catro piscinas moi semellantes ás da Chavasqueira, con auga que mana a 61º, indicada para as doenzas reumáticas e artríticas.

O contorno polo que discorre o paseo é envexable, coas ribeiras do río Miño recuperadas, acondicionadas e de gran valor natural. En calquera época do ano podemos acudir a este conxunto, con piscinas públicas ao aire libre e ambientes privados.

Ruta recomendada

Nos arredores da Praza Maior...

Iniciamos o noso percorrido pola cidade de Ourense no seu sinal de identidade por antonomasia, As Burgas, fontes de augas termais que manan a 67º, que favoreceron os primeiros asentamentos humanos no lugar. Tomamos camiño pola rúa Barreira e chegamos á Praza Maior, centro da cidade antiga, onde se ergue a Casa do Concello e o Museo Arqueolóxico (tamén coñecido como Pazo do Bispo). Estamos nunha zona cun gran sabor medieval, nun entorno que parece retrotraernos no tempo. Se subimos por unha escalinata situada nun dos seus bordos chegaremos á Igrexa de Santa María Nai, que na súa portada conserva columnas do s. VI, vestixios da primitiva catedral sueva dos tempos nos que Ourense foi a capital do reino xermánico. Cruzamos a praza da Magdalena fixándonos no seu fermoso cruceiro e encamiñámonos á do Trigo, na que se comerciaba en tempos pretéritos con este cereal, rodeada por soportais e casas fidalgas e coa denominada Fonte Nova no centro. Prolóngase na Praza de Damas, que foi patio de laranxeiras da Catedral.

A Catedral...

Chegamos así á Catedral, templo románico de transición ao gótico con aires de fortaleza. Cómpre que nos deteñamos a facer unha visita polo miúdo, recomendándose especialmente a Capela Maior, a Capela do Santo Cristo, o Cimborrio, o Pórtico do Paraíso, de clara influencia da escola compostelá do Mestre Mateo, e o Claustro (coñecido como Claustra Nova), no que se sitúa o museo catedralicio. A visita ao templo, cos seus claroscuros, múltiples capelas e ambientes parece introducirnos nunha atmosfera e universo realmente máxico.

Igrexa de Santa Eufemia...

Continuamos camiño rodeando a parte posterior do templo que acabamos de visitar e, seguindo a rúa Juan de Austria e Coronel Ceano, chegamos á Igrexa de Santa Eufemia, cunha lograda fachada cóncava en estilo barroco compostelán. É o momento de tomar un pequeno descanso e para iso estamos no lugar ideal, a zona de viños máis tradicional da cidade, contando tamén con varios cafés culturais. É unha área moi animada, viva, especialmente bonita no luscofusco e nas primeiras horas da noite.

Do Pazo Oca-Valladares á Alameda...

Cando retomamos a ruta facémolo pola rúa Lamas Carvajal, pasando por diante do Pazo Oca-Valladares, renacentista do s. XVI, sede do Liceo ourensán. Cómpre pedir permiso para visitar o seu patio columnado centrado cunha fermosa fonte. Unha vez rebordado o edificio xiramos á dereita pola Avenida de Pontevedra e chegamos á Alameda, con magníficos exemplos de edificios modernistas pechándoa. A carón da Alameda está o tradicional Mercado de Abastos, que podemos visitar para observar o pulso da vida local máis tradicional.

Cara o río Miño...

A continuación tomamos camiño cara ao Río Miño, seguindo a rúa do Progreso, que nos permitirá contemplar a transición do casco histórico cara ao primeiro ensanche da cidade. Poderemos deternos no Centro Cultural Deputación e visitar o Museo do Tren, seguindo logo camiño pola mesma rúa ata a Capela da Nosa Sra. dos Remedios, renacentista aínda que moi reformada, xa moi preto do curso fluvial. Unha vez chegados a este punto podemos baixar ata a ribeira do río e seguir camiño polos sendeiros recentemente acondicionados para o paseo cara á Ponte do Milenio, á que subiremos, pois conta cunhas pasarelas peonís que permiten ter unha fantástica panorámica do río, e da cidade no seu conxunto, a 22 metros de altura. Cruzamos o río pola ponte e a carón do antigo campo da feira detémonos nas Pozas da Chavasqueira, conxunto de fontes termais tamén coñecidas como Baños do Bispo, acondicionadas a xeito de piscinas ao aire libre, de uso gratuíto e situadas nun contorno axardinado moi apracible. Trala visita, retornamos pola marxe dereita do río pola zona de Ribeiriño ata atoparnos coa Ponte Vella ou Maior, de orixe romana pero moi reformada nos s. XIII e XVIII, cruzámola e polos Xardíns de San Juan Bosco e a rúa Concello chegamos ao Parque de San Lázaro, corazón verde da parte nova da cidade, onde nas súas proximidades podemos visitar a igrexa gótica de San Francisco, trasladada aquí pedra a pedra dende a súa situación orixinal na parte alta da cidade que logo visitaremos.

Pola Cidade Vella...

Seguimos o noso paseo pola rúa de Santo Domingo e visitamos a Igrexa homónima, na que cómpre entrar para admirar os seus retablos barrocos e pinturas de moi boa factura. Desembocamos así na Praza do Ferro, que constitúe unha das máis típicas estampas da cidade malia ao seu pequeno tamaño. Entrando de novo na cidade vella, pola que camiñamos seguindo as rúas Viriato, Pizarro e Correxidor, para logo subir unha serie de escaleiras pola Estrela ata o Convento de San Francisco, lugar no que se atopaba a primitiva igrexa que visitamos antes en San Lázaro. Conserva un excepcional claustro gótico e cómpre pasear polo cemiterio de aires románticos, declarado Ben de Interese Cultural no 2000. Dirixímonos a continuación cara á parte final do noso percorrido, seguindo as rúas Monte Pena Trevinca, Monte Seixo, e Cabeza de Manzaneda ata chegar á praza de San Cosme e San Damián onde se ergue a ermida e o antigo hospital anexo, ambos platerescos. Seguimos pola rúa Julio Prieto Nespereira ata chegar aos Xardíns do Posío, de longa tradición. Collemos logo a rúa Padre Feijoo, na que se abre a Igrexa da Santísima Trinidade, de transición románico-gótica, con torres que lle dan un marcado aire de fortaleza. Terminamos aquí a nosa ruta, a carón do lugar onde a comezamos, as fontes de As Burgas.

Onde comer

Á hora de comer Ourense representa á cociña do interior de Galicia, destacando fundamentalmente as carnes e os peixes de río. É afamada a carne ao caldeiro, tenreira cocida acompañada de patacas (por suposto da Limia, que acompañan a maioría dos pratos), allo, pemento e aceite.

Do porco destacan a orella e a cabeza (cacheira ou cachucha). Polo que respecta á bebida, Ourense está no limite oriental da comarca do Ribeiro, e o seu excepcional viño é o que preside as mesas, xunto cos das outras denominacións de orixe presentes na provincia, os de Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei.

Para a sobremesa debemos probar calquera especialidade das que se realizan con castañas, así como o licor-café. A cidade conta con moitos lugares para degustar estes manxares, pero a zona que conta cunha maior concentración de restaurantes é a que está na área de transición entre a zona vella e o ensanche (rúas Progreso, Paseo, Quiroga Palacios, Capitán Eloy, Buenos Aires, Parque San Lázaro, etc.). Nas aforas da cidade é moi típico comer as anguías, preparadas de diferentes formas (fritas, en empanada, etc.).

Non perderse

  • FESTA DOS "MAIOS"
    Celébrase o tres de maio. Festa ancestral de raíces prerromanas de benvida da primavera, declarada de interese turístico galego. Realízanse uns conos con estrutura de madeira recubertos de musgo e decorados con flores, grilandas, laranxas, ovos, etc. A xente agrúpase ao redor para cantar coplas que satirizan tanto os costumes como acontecementos sucedidos durante o ano.
  • FESTAS DE OURENSE
    Durante o mes de xuño, comezan o día do Corpus, data moi celebrada. Multitude de actos como o descenso do Miño en canoa, batalla de flores, concertos, pasacalles, etc.
  • FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE
    Festival de cine independente moi consolidado con once edicións celebradas (2006). É o máis importante dos que se celebran en Galicia. Foi nomeado certame oficial das cidades do Eixo Atlántico. Celébrase en novembro.
  • FESTA DOS MAGOSTOS
    O 11 de novembro, na festividade de San Martiño, celébrase o tradicional magosto, con raíces ancestrais, no que as castañas asadas son o punto de referencia. Celebración moi concorrida no parque da Alameda do Concello.
  • ENTROIDO
    Festa con moito arraigo e moi popular, ao igual que en gran parte da provincia. O domingo de Antroido celébrase un desfile de comparsas e carrozas. Rematan o mércores de cinza co enterro da Sardiña. Datas variables.
Arriba
Axúdanos a mellorar!