As Fragas do Eume é un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de Europa. Dentro das súas 9.000 hectáreas de extensión viven menos de 500 persoas, o que dá unha idea do estado virxe destes exuberantes bosques que seguen o curso do río Eume. O parque ten a forma dun triángulo cuxos vértices e fronteiras serían As Pontes de García Rodríguez, Pontedeume e Monfero

A mellor forma de coñecer o parque é a pé. Así, se un sabe ver, quizá descubra aos xogadores trasnos que habitan nel. Carballos, chopos, freixos, ameneiros, máis de 20 especies de fentos e 200 de liques danse aquí. Ás veces a vexetación é tan tupida que apenas deixa pasar a luz. Pero este bosque sombrío e secreto é xeneroso como as súas augas, fontes e fervenzas. Aquí non hai verde, aquí hai paisaxes de mil verdes. E escondido no corazón do bosque, o mosteiro de Caaveiro, un antigo cenobio con máis de 10 séculos de historia e unhas vistas espectaculares desta fraga máxica.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

O bosque soñado

O río Eume, duns cen quilómetros de lonxitude total, labrou na maior parte do seu treito medio e final un profundo canón. As abruptas ladeiras, nalgúns puntos de ata 300 metros de desnivel, conservan o manto vexetal orixinal dos bosques atlánticos

Un bosque coma todos soñamos: a espesura, as estacións transformadas en cores, un río que coñece a aventura do salmón e busca a proximidade do mar para facerse ría...

Porque fraga significa bosque con árbores de diferentes especies. Carballos e castiñeiros forman o manto caducifolio acompañados de bidueiros e ameneiros, freixos e teixos, abeleiras e froiteiras silvestres; e dos perennes loureiros, acivros e érbedos. Todos forman unha heteroxénea selva na que cada especie ocupa o seu lugar. As sobreiras, por exemplo, teñen nas voltas destas ladeiras orientadas ao sur, o seu límite setentrional en Galicia. Nas ribeiras húmidas e sombrías consérvase unha ampla colección de liques, carrizas e fentos que son unha das xoias dos bosques climáticos como Eume, relictos da Era Terciaria.

Sen perda

O parque ten establecidos catro portais de acceso, sen comunicación entre eles. O máis visitado é o que fixa como destino o mosteiro de Caaveiro. As ladeiras inclinadas só permiten esta entrada seguindo o curso do río a través do couto pesqueiro de Ombre, a dez quilómetros de Pontedeume. Desde o refuxio de pescadores de Cal Grande parten os itinerarios a través das fragas.

As fins de semana o paso con vehículos está restrinxido, pero existe transporte colectivo ata a ponte da Figueira, a máis próxima ao mosteiro. Neste punto, pé en terra, comeza a subida duns quince minutos ata o cenobio beneditino de San Xoán de Caaveiro, recentemente rehabilitado. Todo un monumento de arte románica en plena natureza con vistas panorámicas ás frondosas e ao ceo. A entrada é gratuíta con visita guiada, xeralmente en quendas de 45 minutos. Sen problema durante as fins de semana, festivos e temporada alta. O resto do ano, consultar. O horario sofre modificacións estacionais.

Xa gañado o alto, e visitado o mosteiro, a senda pode continuarse nunha breve baixada ata o rumor do Sesín, que desauga no Eume un pouco máis abaixo do mosteiro. Paga a pena admirar a súa bravura de pozas e fontes verdes filtradas de carrizas. O mesmo Sesín pode ser abordado augas arriba por outro itinerario diferente a este. Desde a estrada de Cabanas ás Pontes de García Rodríguez, tomando o desvío nas Neves que conduce a Gunxel cos muíños do Sesín e logo continúa cara á antiga central hidroeléctrica de Ventureira. A pista estréitase a partir de aquí nas numerosas curvas das ladeiras arboradas deste itinerario que enlaza, na beira esquerda coa estrada de Rebordelo (Monfero).

Na mesma estrada Cabanas-As Pontes, xa no desvío de Goente, accédese á presa do Eume. Salienta como miradoiro privilexiado sobre o salto de auga que durante as cheas invernais se converte en fervenza debido ao deseño da comporta. Todo iso entre paredes verticais e espido granito sen que a paisaxe perda nunca o encanto da súa vizosidade.

Pola beira esquerda destacamos a visita ao mosteiro de Monfero coa súa fachada barroca axadrezada con lascas de lousa. Despois podemos penetrar no Parque onde a cola do encoro do Eume recibe ao río de Frei Bermuz en medio dunha frondosa paisaxe.

Nos altos da Serra da Loba, entre Monfero e Xermade, atopamos o Parque Eólico Experimental Sotavento dedicado á divulgación das enerxías renovables, con todo tipo de actividades, visitas guiadas e cesión de bicicletas.

Natureza senlleira

Bosque mixto de frondosas considerado un dos máis extensos da Galicia litoral e relevante a nivel europeo como bosque climático. Os carballos cobren as abas do canón fluvial acompañados dun amplo repertorio vexetal e bosques de ribeira. A humidade propicia variedades de fentos de grande interese.

Cómpre mencionar as 103 especies de aves, 41 de mamíferos e 8 de peixes. Especies endémicas de invertebrados e réptiles como a ra ibérica.

 

Datos de interese

Situación

  • Concellos coruñeses de Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Monfero e Pontedeume.

Superficie

  • 9.125,65 ha. LIC: 9.076,82 ha.

Acceso

  • De Pontedeume ao mosteiro de Caaveiro, pasando por Ombre, por estrada local. Acceso á ribeira dereita como a central do Eume nos desvíos desde As Neves e Goente, na estrada AC-141 Cabanas-As Pontes de García Rodríguez. Ribeira esquerda pola estrada local que pasa xunto ao mosteiro de Monfero.

Servizos

  • En varias poboacións na contorna do Parque.

Máis información

  • Oficina do Parque Natural (Esteiro, 23, Nogueirosa - Pontedeume; Tel. 981 495 580).

Equipamentos

  • Centro de Recepción na estrada Ombre-Caaveiro, km 5. (Tel. 981 432 528)
  • Paneis informativos.
  • Parque Eólico Experimental Sotavento (Reservas: Tel. 981 563 777).

 

Arriba