Á entrada da ría de Muros e Noia, de camiño cara á Costa da Morte, sorprende a silueta do Monte Louro. Coas súas dúas xibas de granito e unha altura de 241 m, o monte parece emerxer directamente do mar, como un Neptuno portentoso e xogador.

Ao pé do Monte, encerrada pola branquísima lingua de area da praia de Area Maior, está a lagoa das Xarfas, un complexo ecosistema dunar de gran riqueza botánica e faunística. Aquí reinan as garzas, que veñen atraídas pola abundancia de anfibios e réptiles.

Moi preto, completando este fermoso espazo natural, a magnífica praia do Ancoradoiro, rodeada de fermosos piñeirais... perfectos para unha sesta despois do baño.

Mar gran reserva

Monte Louro (241 m) agroma solitario na punta norte da entrada á ría de Muros e Noia. Toda a paisaxe que se estende aos seus pés está dotada dunha gran forza interior.

Por mar, Reserva Mariña de Interese Pesqueiro promovida pola Confraría de Lira (Carnota). Por terra, Punto de Interese Xeolóxico de importancia nacional. Na superficie é un treito aberto ao mar dotado de elementos afortunados: lagoa, praias, coídos, faros e horizonte.

A lagoa das Xarfas está pechada ao mar polas dunas da praia de Area Longa, máis coñecida como Praia de Louro. A zona húmida rodéase dun pequeno bosquete inundable pois nas épocas máis chuviosas o regato que a alimenta énchea ata os dous metros de profundidade. Xunto a lagoa ábrese a branca praia ao pé do monte. En conxunto é unha perfecta postal paradisíaca. Séguenlle outros areais finos de augas batidas e frías como o de Ancoradoiro/Lariño, cun piñeiral adxacente e faro. Pero tamén toda unha sucesión de rochedos entre os que quizais o máis famoso sexa o Simprón.

Entre as iniciativas pioneiras en Galicia cóntase a do turismo mariñeiro para a revalorización da pesca artesanal e a creación dunha reserva mariña.

Datos de interese

Situación
Concellos de Carnota e Muros (A Coruña).

Superficie
1.160,88 ha das cales 491 ha de augas mariñas

Acceso
A estrada AC-550 Noia-Cee limita o espazo protexido.

Servizos

  • Aloxamento: Si.
  • Comer: Si.

Máis información
Turismo mariñeiro: Mar de Lira (Tel.: 981 761 252 - 636 294 796).

Equipamentos
Centro de Interpretación Paisaxística (A Cabana-Lira).

Arriba
Axúdanos a mellorar!