De día e de noite, aquí sempre hai ambiente. Esta é unha cidade para pasear e gozar, con praias en pleno centro e, presidido pola Torre de Hércules, un longo Paseo Marítimo que a rodea case por completo.

Os coruñeses e as coruñesas teñen fama de vivir ben, así que sigue os seus costumes. Senta nunha terraza na Praza de María Pita e descubre a súa apaixonante historia. Ou pasea polos Cantóns e admira as súas famosas galerías de cristal, de estilo modernista. E se queres ir de compras este é o sitio perfecto, sobre todo se queres vestir á moda. 

Alén disto, A Coruña ten excelentes museos como o de Belas Artes, a Casa das Ciencias, a Domus ou o Arqueolóxico, no Castelo de San Antón. E á tardiña, nada como o acolledor e romántico Xardín de San Carlos ou se prefires animación, os Xardíns de Méndez Núñez, en pleno centro. Aquí está o Kiosko Alfonso, hoxe sala de exposicións e antes un cine con dúas salas divididas pola pantalla, de modo que se pagaba unha entrada máis barata... vendo a película por detrás.

Destacado

Unha das experiencias máis inesquecibles que o visitante pode levar da Coruña, e de Galicia, é a contemplación dun solpor dende a Torre de Hércules.

O sol vai desaparecendo no Finisterrae Atlántico, cunha paisaxe de soño, diante do único faro romano do mundo aínda en funcionamento, ao que acompaña un parque escultórico con figuras que representan as orixes lendarias da torre e da cidade: Ártabros, de Arturo Andrade; Breogán, de Xosé Cid; Caronte, de Ramón Conde; Hércules e Xerión, de Tim Behrens e José Espora; e, o bosque de menhires de Manolo Paz.

A Torre é obra de comezos do s. II do arquitecto de Coimbra Caio Sevio Lupo. Presenta o aspecto exterior que en 1791 lle outorgou a reforma dos enxeñeiros E. Giannini (autor dos planos) e J. Elejalde.

 

Ruta recomendada

Na Cidade Vella...

Comezaremos na Praza do Obelisco, no centro da cidade, onde poderemos observar a buliciosa vida herculina ao pasear polas rúas Real e Rego de Auga, as máis tradicionalmente vinculadas ao comercio, que desembocan na maxestosa Praza de María Pita, na que se pode contemplar a fermosa Casa do Concello de estilo modernista. Dende esta praza mergullámonos na Cidade Vella, onde podemos empaparnos da máis senlleira historia coruñesa, pois podemos visitar a Igrexa de Santiago, románica do s. XII, aínda que conta con elementos oxivais dos s. XIV e XV; a evocadora Praza de Azcárraga; a Colexiata de Santa María, construída entre os s. XII e XV, moi próxima ao Museo de Arte Sacra; ou a Praza e Convento de Santa Bárbara, que forman un conxunto de singular beleza.

Antes de abandonar a cidade vella aproximarémonos ao Xardín de San Carlos, a carón do Museo Militar e da Fundación Luís Seoane, parque romántico moi agradable nun antigo bastión de defensa (1843) que alberga a tumba do Xeneral Moore, morto na batalla de Elviña de 1809. É un bo miradoiro sobre a cidade.

Polo Paseo Marítimo...

Deixamos a zona antiga da Coruña achegándonos aos Xardíns da Real Maestranza, con antigos canóns de defensa da urbe e onde temos unha notable vista cara ao dique de Barrié de la Maza, á excepcional arquitectura contemporánea da Torre de Control Marítimo e ao Castelo de San Antón. Dende aquí baixamos ao Paseo Marítimo cara á Torre de Hércules. É un percorrido dunha gran beleza, pois ofrécensenos panorámicas da ruda costa aberta ao Atlántico.

Cómpre deternos preto do faro romano, visitalo, así como o contorno e mesmo o edificio do vello cárcere, e continuar camiño polo paseo ata o Aquarium Finisterre, ao que se recomenda unha visita, tanto polo contido como pola paisaxe mariña que nos permitirá contemplar. Continuaremos  ata o comezo da praia do Orzán, dende onde faremos a pé o paseo ata o estadio de fútbol de Riazor, auténtico templo deportivo para os coruñeses coa boa marcha do seu equipo nos últimos anos. Dende este lugar tense moi boa visibilidade ao lonxe da Torre ou Obelisco do Millenium.

No Centro...

Dende aquí volvemos cara ao punto de partida pola Avenida Rubine, A Praza de Pontevedra e a Rúa Juan Flórez, na que se poderán observar varios edificios modernistas e aproveitar a variada oferta comercial para mercar algún recordo da cidade.

Dende esta rúa tomamos cara a Praza de Ourense pasando primeiro pola singular e recentemente renovada praza de abastos da Praza de Lugo. Dende aquí sairemos aos Cantóns de Méndez Núñez, unha das áreas máis clásicas e coñecidas da cidade, e poderemos descansar nos xardíns do parque unha vez rematado o percorrido. Se aínda temos ganas de camiñar máis podemos achegarnos e visitar, nas inmediacións, as exposicións das fundacións Barrié de la Maza e o Centro Sociocultural A Banca A Coruña, na que o propio edificio é unha singular obra de arte contemporánea, ou as do modernista Kiosco Alfonso, ou mesmo, para os que gusten do xogo, achegarse ao Casino Atlántico.

 

Onde comer

A oferta gastronómica que podemos atopar na Coruña é moi recoñecida e variada, non deben deixar de probarse os mariscos e peixes de primeira calidade desembarcados no seu porto, aínda que a carne non queda atrás en calidade e exquisitez. As empanadas, queixos e viños da terra son produtos que non deixarán indiferente ao visitante e ademais están ao alcance de todos os petos.

Os lugares con mellor oferta de locais para xantar atopámolos na zona de Pescadería Vella nas rúas perpendiculares á Praza de María Pita e paralelas á Rúa Real, como as de Florida, Franxa, San Nicolás, Galera e A Varrera. No contorno da Praza de España e cara ao Parque de Marte, no barrio de Átocha, aparecen bos restaurantes nas rúas San Xoán ou Ángel Rébollo, por exemplo. Na área de Catro Camiños, A Gaiteira e Os Castros aparecen mesóns e restaurantes en todas as rúas, destacando locais de Ramón y Cajal, Xeneral Sanjurjo, Avda. dos Caídos ou Rúa Posse.

Non perderse

  • FESTIVAL DE MÚSICA CON RAÍCES
    Durante o mes de abril celébranse unha serie de concertos que se engloban baixo o título do festival. Teñen cabida todo tipo de manifestacións musicais que interpretan os sons máis tradicionais e xenuínos das diferentes culturas europeas e mundiais.
  • FESTIVAL MOZART
    Desenvólvese durante os meses de maio e xuño. Aínda que orixinariamente interpretábanse só obras de teatro musical do Salzburgués, na actualidade está aberto á musica vogal doutros grandes compositores do barroco e do italiano Rossini. A magnífica Orquestra Sinfónica de Galicia, con sede na Coruña, interpreta boa parte das obras, se ben participan moitos outros solistas e orquestras.
  • FOGUEIRAS DE SAN XOÁN
    Durante a noite do 23 ao 24 de xuño fanse multitude de fogueiras na praia de Riazor e en cada un dos barrios da cidade que congregan a grupos de amigos, veciños e familias que dan conta das inescusables sardiñadas acompañadas de cachelos (patacas cocidas con pel) e saltan as fogueiras para mandar lonxe os malos espíritos.
  • FESTAS DE MARÍA PITA
    Durante todo o mes de agosto celébranse as festas grandes da cidade durante as que se desenvolven multitude de eventos como a Feira do Libro, a Feira de Artesanía, as batallas Naval e das Flores, o Trofeo de Fútbol Teresa Herrera, Feira Taurina, Romaría de Santa Margarita e o Festival do Cómic. Os concertos de música actual e popular e o teatro completan a oferta lúdica do período festivo.
  • FESTIVAL DA ÓPERA
    Durante os meses de setembro e outubro prográmanse no Palacio da ópera grandes obras da lírica de todos os tempos. Gran calidade tanto dos intérpretes líricos como das orquestras que interpretan as óperas a prezos realmente accesibles.
  • FESTAS DA VIRXE DO ROSARIO
    O día 7 de outubro celébranse as festas na honra da padroa da cidade, a maioría dos actos desenvólvense na Cidade Vella.
     
Arriba
Axúdanos a mellorar!