Este é un lugar cheo de escuros segredos. Encaixada nos vales do río Sil, a serra da Lastra e os seus cumes de roca calcaria son unha rareza na paisaxe galega, onde se impón o granito. 

Pala Cumbeira, Pala da Raposa, Pala Pereda, Pala Cubelas... No parque hai innumerables grutas, que aquí se chaman “palas”, polo que se converteu en lugar de peregrinación de espeleólogos e afeccionados. Nestas grutas, un reino máxico de estalactitas e estalagmitas, están algunhas das maiores colonias de morcegos de España. O parque é tamén un refuxio ornitolóxico. 

 A flora da Enciña da Lastra é un tanto peculiar en Galicia, xa que ten certas características mediterráneas. Bosques de aciñeiras, castiñeiros, prados perfumados co aroma do tomiño silvestre e máis de 25 especies de orquídeas. En Galicia a natureza ten os seus caprichos.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

O tesouro do Sil

A Serra da Lastra é o oriente natural de Galicia. Aquí a aciñeira é unha árbore con historia de seu. Fálanos de clima mediterráneo e dos solos calcarios que precisa para existir. Por iso resulta escasa no resto do territorio galego. 

Dá nome ao parque natural pois disque unha enciña de grandes dimensións servía outrora de guía aos viaxeiros por estas encrucilladas. É só unha historia, pero unha aciñeira coma esa pódese admirar nun predio próximo ao cemiterio de Covas, e conta co recoñecemento de árbore senlleira.

Acompañan á aciñeira outras especies de tipo mediterráneo: sobreiras, rebolos, amendoeiras e oliveiras. Tamén falamos dos castiñeiros e recuamos dous mil anos. Daquela pasaron os romanos que levaron destes montes o ouro para enriqueceren o imperio. Deixaron a cambio dous tesouros: a lingua e os soutos das castañas, elementos maxistrais desta paisaxe.

A ninguén deixará indiferente a beleza das torres montañosas dos Penedos do Oulego, as formas do cavorco do Val do Inferno, os cortados de Pena Falcueira. O Sil divide este sistema montañoso xerando un canón de fortes pendentes. O estreito de Covas constitúe a experiencia estética dos viaxeiros que atravesan en tren a comarca.

E aínda nos sorprenderá o interior da terra coas “palas”, palabra de orixe prerromana que significa covas. Aquí está a meirande rede de cavidades subterráneas da comunidade e as maiores colonias de morcegos nas preto de duascentas simas e covas censadas. Algunhas de gran lonxitude, como a cova da Zorra (600m) e fitos na espeleoloxía galega como a Pala de Xilberte, a do Pombo, a de Trasmonte ou a pala de Tralapala.

Sen perda

A viaxe polas estradas locais que comunican as pequenas poboacións no interior ou limítrofes serve por si mesma para admirar a beleza da paisaxe. O parque conta con zonas de acceso restrinxido. Para a exploración das palas ou covas é necesario o contacto con asociacións de espeleoloxía.

Deste espazo salientamos os lugares de Covas e Biobra, onde radica o centro de visitantes. A ruta entre Vilardesilva e Covas discorre pola marxe dereita do Sil, descubríndonos o canón fluvial con incribles gargantas que encoran as augas e serven de cazadoiro ás aves rapaces.

Por outra banda, poderemos achegarnos aos Penedos de Oulego cun sendeiro moi esixente que aproveita as pistas forestais e agocha paraísos naturais e paisaxísticos que son o segredo mellor gardado das duras serras do oriente.

Natureza senlleira

Destacan os bosques de aciñeiras, soutos e matogueiras mediterráneas que contan con peculiaridades como a presenza de campos de tomiñares silvestres. Endemias florais de chans calcarios, e outras rarezas como as máis de 25 especies de orquídeas.

Os canóns e cantís fluviais propicia son hábitats de aves de rapina e outras aves que fan do parque un interesante refuxio ornitolóxico. Acolle a meirande concentración de aves nidificantes de Galicia. Nas covas existen grandes colonias de morcegos.

Datos de interese

Situación

  • Integramente no concello de Rubiá, pertencente á comarca ourensá de Valdeorras, limítrofe co Bierzo (León).

Superficie

  • 3.151,67 ha.

Acceso

  • Atravesa o Parque Natural por Covas a estrada N-120 Ponferrada-Ourense e a liña ferroviaria. Rodea a serra desde a N-120, cara ao norte, a comarcal OU-622. Tamén desvío cara a Biobra.

Servizos

  • Na zona, fóra do Parque.

Máis información

  • Oficina do Parque Natural, Centro de Visitantes. Biobra (tel. 988 324 319).

Equipamentos

  • Observatorios de fauna.
  • Refuxio de espeleoloxía en Covas, con licenza deportiva.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!