Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

VALES, RÍOS E MONTAÑAS

Da Veiga aos Penedos de Oulego... vales e serra do oriente galego
O viño de Valdeorras delicias do corazón
Se bebemos un groliño cantaremos a seu son
Cantaremos a seu son,
O viño de Valdeorras delicias do corazón.
Cantigas do viño de Valdeorras

A zona sur oriental de Galicia é un destino de calidade. A sucesión de vales e serras marca diversos ambientes que van dende a alta montaña da contorna de Trevinca ás paisaxes vitivinícolas de Valdeorras pasando polos matices mediterráneos do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra.

Descarga a ruta
A Veiga
Moura

O percorrido entre A Veiga e os Penedos de Oulego supón transitar por vales e atravesar serras. A variedade paisaxística e o grande valor ecolóxico permite realizar un traxecto de enorme interese e beleza.

A Veiga é un dos concellos de maior extensión de Galicia e como tal ten moito que ofrecer. Configurado entorno ao val do río Xares, o seu territorio está cuberto por un denso manto de árbores frondosas que ofrecen unha variada paleta de cores, especialmente cando chega o outono.

Da Veiga a Prada
Trevinca

Partindo da Veiga cruzamos a ponte do Xares sobre o encoro de Prada, punto de interese para actividades como a pesca e os deportes náuticos ou mes-mo para un baño na praia dos Franceses.

A pequena estrada que bordea o encoro transita por corgas entre prados e carballeiras ata acadar o muro da presa, chegando xa ao núcleo de Prada. Vai en paralelo á Senda Verde do Xares, ruta recomendable para aqueles que gusten do sendeirismo por tranquilas paraxes.

De Prada ao Barco de Valdeorras

Dende Prada comeza un ascenso propio dos grandes portos de montaña que nos levará ao alto da Portela, enlazando coa baixada cara a Valdeorras.

Capital comarcal e segunda entidade de poboación da provincia de Ourense, O Barco de Valdeorras destaca polo seu dinamismo económico e polo clima benigno, factor fundamental para a produción vitivinícola e que lle outorga prestixio mundial aos seus viños.

Do Barco de Valdeorras aos Penedos de Oulego

As paisaxes de viñedo deixan paso ao val do Sil na procura do Parque Natural Serra de Enciña da Lastra, no que destacan os Penedos de Oulego erguéndose coas súas rochas calcarias por riba do manto verde da vexetación e creando un singular contraste.

A serra da Enciña da Lastra constitúe unha rareza na xeografía galega. A presenza de flora de ambientes cálidos como poden ser as aciñeiras, sobreiras e singularmente o tomiño que impregna o aire co seu característico olor, trasládanos a outras latitudes.

Non te podes perder

O alto da Portela

O alto da Portela é un punto de inflexión no percorrido dado que separa as vertentes do Xares e do val do río Sil. Este aspecto supón tamén unha mudanza nas condicións bioxeográficas, marcándose dende este punto o contraste entre o val do Xares e Valdeorras. A diferenza climática tradúcese en diversidade de flora e fauna, tendo a zona de Valdeorras un comportamento propio de ambientes mediterráneos.

A Portela, entre matogueiras e piñeirais propios de espazos de montaña, permite contemplar a profundidade dos encaixados vales dos pequenos cursos fluviais (Mao, Azoreiras, etc.) que baixan cara o río Xares.

Tamén coñecida como A Portela do Valado, cos seus 1.124 metros supón un paso de montaña histórico. A propia topo nimia revela a funcionalidade deste lugar, dado que Portela indica “unha abertura que se fai para que poida pasar o gando ou as persoas”, comunicando dúas terras baixas como A Veiga (terreo amplo e fértil ás beiras dun río) e Valdeorras (no val do Sil a pouco máis de 300 metros de altitude).

Arriba
Axúdanos a mellorar!