Turgalicia Turismo de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio > Goza destas... experiencias > Camiño de Santiago > Engadir á "Miña viaxe"

Vive o Camiño!

Experiencias en bici, todoterreno, cabalo, velero…

Vive o Camiño

Camiño de Santiago...

Introdución

O Camiño de Santiago foi, e segue a ser, sen dúbida, a ruta máis antiga, máis concorrida e máis celebrada do vello continente. Santiago tamén compartiu con eles a atracción dos camiñantes e andadores de todos os tempos, pero, ademais, creou unha ruta, fixo un Camiño. A Santiago e a Galicia pódese chegar de moitas maneiras. Pero a mellor forma de vir é polo CAMIÑO DE SANTIAGO.

  • O símbolo do Camiño

  • Peregrinas no Camiño

  • O Camiño no Alto do Poio

  • O Camiño en Samos

  • Descansando en Portomarín

  • Preto do final

  • A meta

Os primeiros peregrinos...

Os primeiros peregrinos, no século XI, acudían só desde o interior dos reinos de Galicia e Asturias. Pero cunha rapidez sorprendente comeza Compostela a atraer viaxeiros e peregrinos doutros reinos cristiáns, mesmo de alén das nosas fronteiras. O primeiro, de quen coñecemos o nome, é francés, Godescalc, bispo de Puy, que chegou a Compostela no ano 951.

Son moitas as causas e os motivos que aducen os historiadores para explicar a febre dos francos por atravesar os Pirineos. Para algúns son motivos políticos. O papado e Cluny estaban decididos, por razóns de propia seguridade, a axudar aos reinos do norte de España, facendo así máis remota a posibilidade dunha invasión musulmá. Motivos de curiosidade e afán de aventuras. Moitas veces son intereses comerciais ou intercambios culturais. Algunhas veces, tamén, afán de rapina e explotación dos desamparados camiñantes. Pero non cabe dúbida de que en case todo os casos, subxace o motivo relixioso. A peregrinación era na Idade Media un símbolo da vida do cristián, un camiñar inseguro cara á morada eterna.

O Camiño e o Códice Calixtino...

Un dos máis famosos e coñecidos peregrinos medievais de Compostela é o francés Aymeric Picaud, monxe da localidade francesa de Poitou. A súa sona venlle de escribir unha crónica da súa viaxe, polo ano 1130, minuciosa e detallada, con infinidade de consellos e recomendacións para os camiñantes. Esta crónica, co título de Guía do Peregrino de Santiago de Compostela, está recollida nun precioso documento: O Códice Calixtino. A esta Guía do Peregrino é obrigado facer continua referencia sempre que se fala do antigo Camiño Francés.

Estampa do peregrino...

Bo calzado, roupa curta e esclavina. Bastón para apoio e defensa. Cabaza para a auga ou o viño. Un pequeno saco e un chapeu de aba larga. Todo iso configura a típica estampa do peregrino desde a Idade Media. A cuncha de vieira, que xa aparece nos camiñantes da mitoloxía pagá, é o principal recordo que traen os peregrinos de Galicia, xa que nas súas costas abonda este molusco. Despois cósese ao chapeu, ao saco e á esclavina ata se converter no emblema e no salvoconduto do peregrino.

O peregrino ou o viaxante moderno, non motorizado, que percorre o camiño, non adoita levar a vestimenta clásica, mais algo o distingue do simple camiñante, cando baixa o porto do Poio, por Triacastela, ou atravesa a montaña de Arzúa e Melide.Antes era polo cumprimento dun voto, para se librar dunha penitencia, para cumprir o desexo dun defunto, mesmo por imposición xudicial. Hoxe é máis frecuente facelo para revivir o noso pasado, descubrir a nosa cultura e a nosa historia, admirar a harmonía do románico ou, simplemente, para recrearse na contemplación das paisaxes de Terras de Santiago.

Facendo o Camiño...

O viaxeiro moderno, que percorre as estradas do norte español desde os Pirineos a Galicia, encontra con frecuencia o letreiro de: Camiño de Santiago, acompañado do número de quilómetros que o separan de Santiago de Compostela. As indicacións están pensadas para os que viaxan en turismo e están colocadas nas rutas máis próximas ao primitivo camiño. As sucesivas modernizacións da rede viaria, desde os antigos camiños reais ás estradas nacionais ou autoestradas modernas, borraron en moitos treitos o camiño que pisaron durante séculos os peregrinos. Pero algunhas veces as actuais estradas non seguen exactamente o Camiño medieval. Daquela é cando os practicantes do “turismo lento”, a pé, a cabalo ou en bicicleta, poden rastrexar o primitivo trazado. Este trazado orixinal conserva en moitos traxectos o empedrado, os fitos do camiño, os antigos hospitais, as ermidas-refuxio, as fontes, as cruces, as antigas pontes...

Compárteme en...

A Miña viaxe

A miña viaxe

Preparando a viaxe...

Almacena toda a información necesaria para organizar a túa viaxe: museos, monumentos, lugares de interese, aloxamentos, restaurantes...

Unha vez o teñas feito, poderás ver o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar as túas localizacións en GPS

Durante a viaxe...

Xa estás disfrutando de Galicia, aquí poderás consultar o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar a túas localizacións en GPS

Si dispós dun móvil con GPS poderás ver a túa situación no mapa.

Despois da viaxe

Agora que xa estás de volta, poderás anotar o que che pareceu o que visitaches, e tamén marcar o que non pudiedeches ver, para non olvidarte na próxima!

Entrar
Xunta de Galicia Turismo de Galicia

© 2013 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Arriba