Descrición
Construída entre os séculos XVII e XVIII, é de estilo barroco. Ten unha nave de planta basilical con capela maior moi ampla que está cuberta con bóveda de canón de cantería de granito, construída baixo a dirección do mestre canteiro Josphe de Bar. Son dúas capelas pegadas as que enriquecen o espazo litúrxico interior, ao que se lle engade un coro alto de madeira situado aos pés da nave. O arco triunfal é de medio punto e non ten decoración. O retablo maior é de estilo barroco. Unha gran fornela acolle a imaxe de santa Baia que porta a palma do martirio. Neste retablo é moi evidente a influencia do arquitecto Simón Rodríguez, sobre todo no emprego de placas, volutas en forma de C, froitas, etc.