Descrición
Igrexa neoclásica construída en 1757, ocupando o lugar do antigo convento de San Francisco levantado por Fernán Pérez de Andrade (século XIV). Planta rectangular sobre a cal se inscribe unha planta de cruz latina, da que sobresae o espazo destinado á capela maior e a sancristía. Tres naves separadas por grosas pilastras toscanas. Unha tribuna percorre o templo sobre as naves laterais ata chegar ao cruceiro, o cal se abre á nave principal mediante arcos carpaneles. Conserva un magnífico retablo obra do escultor neoclásico José Ferreiro e valiosos talles en madeira. No seu exterior unha sobria fachada dividida por pilastras toscanas pareadas que descansan sobre altas bases formando tres rúas. Porta principal alintelada cun frontón semicircular. Magníficas vistas de todo o interior do Arsenal de Ferrol. Como igrexa castrense, depende do Arcebispado Castrense con sede en Madrid.