IGREXA DE SAN MIGUEL DE BREAMO

Relixioso
2603
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Breamo (San Miguel)

Lugar: As Pedridas

15614  Pontedeume - A Coruña

Coordenadas:
43º 23' 59.0" N - 8º 11' 00.9" W

Descrición

Igrexa románica situada no monte co mesmo nome, e o único resto que queda das dependencias dun antigo mosteiro agostiño. A súa planta é de cruz latina cunha soa nave pero tres ábsidas na cabeceira, tipoloxía de planta que non é fácil de atopar no románico galego, só outras tres igrexas a teñen: Santa Cristina de Ribas de Sil, Vilar de Donas e San Salvador de Coruxo. Outra característica a destacar é que Breamo presenta un grande desenvolvemento da nave transversal, superando en anchura e lonxitude a nave principal. 
No interior, a cuberta é totalmente abovedada, outra das singularidades desta igrexa con respecto ao románico galego, xa que tampouco é algo habitual. Destaca a bóveda da intersección das naves, cuatripartita, unha das primeiras en construirse en Galicia e que chegaran ata nós. A cuberta das ábsidas é a habitual: os laterais cúbrense con bóveda de forno e a central con bóveda de forno e de medio canón apuntado o tramo recto. Os brazos da nave transversal presentan bóveda de medio canón semicircular, e a nave principal bóveda de medio canón apuntado. 
No interior do edificio destacan os capiteis con figuración humana e animal (por exemplo, con escenas cotiás de caza) e no exterior os canzorros cuxa temática concéntrase en zoomorfos, antropomorfos, vexetais e xeométricos. No exterior da construción destacan tres portas románicas. A fachada principal conta cunha porta de entrada enmarcada por dous contrafortes no medio dos cales sobresae un rosetón. 
Dende as inmediacións da igrexa contémplanse amplas panorámicas da bisbarra natural e das praias de Perbes, Ber, Centroña...

Camiños de Santiago

Camiño Inglés

Declaración

Ben de Interese Cultural
Arriba
Axúdanos a mellorar!