Descrición
A ría de Muros e Noia alóngase, como o resto das
Rías Baixas, en dirección suroeste a nordés, en forma
de fenda aberta no medio de rochas graníticas. Ao
analizala no seu conxunto, obsérvase con claridade
un acusado contraste entre o seu sector setentrional,
máis quebrado, con numerosos entrantes e saíntes,
e o meridional, máis rectilíneo e aberto, de formas
máis suaves.
As rochas graníticas condicionan a maior parte
das paisaxes. Iso é perfectamente visible no sector de
Baroña, na marxe meridional da ría, e no do monte
Louro, na setentrional.
En Baroña, moi preto de Porto do Son, os muros
de pedra do castro que alí se sitúan dende séculos,
confúndense coas laxes abertas polo tempo. No
monte Louro, próximo a Muros, unha extensa gama
de formas xeométricas sobresaen nas abas, como se
algún escultor as ordenase de xeito racional para que
os amantes das camiñadas as contemplen. Aos seus
pés, asociada a un extenso areal cuberto de dunas,
o visitante pode admirar unha das lagoas costeiras
máis fermosas de Galicia.
Na marxe setentrional da ría sitúase Muros e, no
seu fondo, Noia. Trátase de dúas vilas señoriais
construídas de pedra granítica, da mesma ou
semellante, coa que as ondas e os ventos labraron as
formas de Baroña ou Louro ou os sectores
acantilados que bordean o mar.
Muros é unha localidade aberta ao mar dende as
súas orixes medievais. Conserva o tipismo nas súas
prazas e rías, un magnífico templo parroquial é a
antiga colexiata de Santa María.
O visitante atoparase con rías estreitas e
serpeantes que conflúen en pequenas prazas, ás que
se asoman acolledores soportais. Ao deambular por
elas pódese aprehender a calor da historia pasada,
escrita por personaxes anónimos, por artistas,
escritores ou pilotos.
No fondo da ría sitúase Noia. As raíces medievais
tamén se manifestan na estrutura da vila: rías
estreitas, soportais, casas señoriais.
A sua historia
comezou cando Fernando II decretou o traslado da
vila dende o lugar da Barquiña ao actual. A lenda,
non obstante, di que foi Noé quen fundou a vila e iso
quedou materializado no seu escudo. No seu interior
destacan a igrexa de San Martiño, do século XV, ou
o convento de San Francisco, ao lado da actual
Alameda.
A ría, ademais, acolle nas súas beiras outros
núcleos de interese. Na súa marxe meridional sitúase
Porto do Son, fermosa vila que conserva gran parte
do saber mariñeiro das súas xentes, e Portosín, co seu
importante porto deportivo.