Descrición
Atlántica maxestade
Navegar cara ao poñente é unha das grandes
aventuras do litoral galego. Existen as illas galegas,
estes son os seus nomes: Cíes, Ons, Sálvora e
Cortegada. Palabras arquipélago de augas o
bastante turquesa e area suficientemente branca
para evocar praias caribeñas... “ata que metes un
dedo na auga”. Isto afirma como mérito o diario
"The Guardian" ao considerar o areal de Rodas nas
Cíes como o mellor do mundo. Augas frías coas
mellores propiedades do océano para a vida
submarina e historias singulares de pecios
afundidos.
Dende o barco da ría de Vigo albíscase a liña do contorno de tres illas que xogan a ser dúas. Son coñecidas como as Cíes porque seguimos a nomealas polo alcume romano de Siccas, ás illas
secas, aínda que ningunha por separado se chame así. A do norte ou do Monteagudo e a do medio ou do Faro únense polo finísimo areal de Rodas e un lago que completa a estampa paradisíaca. A illa
do sur ou de San Martiño permanece afastada das outras por unha canle chamada Freu da Porta. O arquipélago abrangue ademais unha serie de illotes que se unen baixo a superficie nuns fondos de
enorme e fráxil biodiversidade, dende a beleza microscópica nos prados de algas ata a grandiosidade dos cetáceos que non é raro observar.
Ons e a súa irmá Onza ou Onceta e o illote das Freitosas pechan a ría de Pontevedra cunha liña de costa perfilada con area de praias. Pola contra, a parte non visible desde terra é extremadamente
agreste e propicia para a formación de furnas e cons. A paisaxe submarina desta cara oceánica fórmana paredes verticais ateigadas de vida grazas ó afloramento de augas profundas ricas en
nutrientes. Soubérono ben os habitantes desta illa, a única actualmente poboada do Parque Nacional, dedicados á pesca entre a que salienta a captura do polbo.
Sálvora, no extremo occidental da ría de Arousa,
con toda a súa constelación de illas cargada de
lendas e historias mariñeiras como as pequenas
Noro, Vionta e Sagres, é a reserva total en fondo e
superficie. Ao igual que nas anteriores Cíes e Ons,
o paso do home deixou a existencia de edificacións
humanas de uso relixioso (capelas, altar ou igrexa),
civil (faros), militar (fortalezas) e industriais. En
Sálvora a salgadeira converteuse en pazo con dúas
torres e achamos ademais unha aldea de fermosa
fasquía tradicional con oito hórreos e capela.
Cortegada e as veciñas Malveiras gozan da
proverbial riqueza biolóxica do mar interior de
Arousa. Para observarmos a actividade produtiva o
peirao e paseo de Carril ofrecen boas leccións de
marisqueo cos seus parques de cultivo de ameixa e
berberecho. As mareas son a única fronteira da illa
de Cortegada que semella conquistable a pé. En
ocasións realízanse visitas guiadas que ademais da
historia insular amosan tras o seu espeso piñeiral o
tesouro vexetal que representa o bosquete de
loureiros con exemplares de ata doce metros de
altura.