DA PONTE DE VILANOVA AO BRIÑAL

Paseos
586
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Allariz (Santiago)

Lugar: Allariz

Allariz - Ourense

Coordenadas:
42º 11' 33.9" N - 7º 48' 09.6" W

Camiños de Santiago

Vía da Prata

O Paseo

Da ponte de Vilanova ao Briñal
O río que viu nacer Allariz

O percorrido que propoñemos parte da ponte románica de Vilanova sobre o río Arnoia, que nos vai acompañar durante o noso paseo. Primeiro gozaremos do treito máis urbán, no entorno da Alameda e do Parque Etnográfico coa fábrica de curtidos dos Nogueira (Museo do Coiro). A continuación, sempre pola marxe dereita, a senda bordea o recinto do Festival Internacional dos Xardíns, un espazo no que anualmente se desenvolve un concurso internacional con propostas de diversos equipos de paisaxismo. De seguido atoparemos unha ponte de madeira que podemos cruzar se queremos optar por ir polo lado esquerdo do río.

A nosa proposta é seguir pola beira pola que viñamos, pasando por unhas poldras tradicionais, pedras que facilitan o paso por unha zona anegada. Atravesando un bosque de ribeira formado sobre todo por amieiros imos gozar do tranquilo devalar do Arnoia ata chegar ao Briñal, onde se atopa o antigo muíño e a casa do mesmo nome, que funcionaron como aloxamentos de turismo rural. Cruzamos o río por unha pontella tradicional, non vos perdades o detalle dunha pedra cunha inscrición relixiosa. Dende a outra beira observaremos mellor a queda que fai o Arnoia ao estar represado. O regreso á vila facémolo pola marxe esquerda, pasando polo camping, o centro hípico e deportivo do Seixo, ata atopar a pasarela de madeira que permite cruzar o río, regresando de novo pola marxe dereita retomando o camiño inicial ata a ponte de Vilanova onde, se cadra, poderemos ver pasar peregrinos cara a Compostela, xa que estamos nun treito do Camiño de Santiago que forma parte da Vía da Prata.

Características

Lonxitude: 5,97 km (circular)
Punto de Inicio:
Ponte de Vilanova (42°11'34.41''N / 7°48'09.63''O)
Punto de Fin: Ponte de Vilanova (42°11'34.41''N / 7°48'09.63''O)
Paseo Circular

Accesibilidade a ter en conta

Terreo abrupto
Treitos inundables en época de choivas

Tipo

Ao carón do río
Data de recollida inicial: 01/01/2021
Arriba