TORRE DOS ANDRADE

Civil
4276
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Vilalba (Santa María)

Lugar: Vilalba

Rúa: Valeriano Valdesuso, s/n.

27800  Vilalba - Lugo

Coordenadas:
43º 17' 52.9" N - 7º 40' 56.9" W
+34 982 510 011

Camiños de Santiago

Camiño do Norte

Horarios

Visitas grupais non permitidas mentres sigan vixentes as restricións derivadas da crise do Covid-19. Visita individual suxeita a reserva telefónica previa.

Fitos do Camiño

Esta torre de base octogonal, antiga torre da homenaxe, é o único vestixio que nos lembra a existencia dun castelo fortaleza, cuxa orixe se remontaría ao século XI, aínda que este elemento data do XV. A súa silueta domina Vilalba, capital da comarca coñecida como a Terra Chá. Sábese que o antigo castelo, sucesivamente remodelado desde a súa orixe, no século XIII xa presentaba tres torres e unha muralla poligonal. Pertenceu aos señores de Lemos, pero posteriormente o rei Pedro I dooulla a Fernán Pérez de Andrade o Boo, sendo así como pasa ao patrimonio desta familia nobiliaria, que deixará os seus símbolos heráldicos na construción, como a representación pétrea do xabaril. Este primeiro Andrade deixa o castelo en herdanza ao seu irmán e este ao seu fillo Nuno Freyre de Andrade; é con el cando a fortaleza sofre a primeira revolta dos Irmandiños, pero a construción resiste o ataque. Novamente, xa avanzada a segunda metade do século XV e sendo propietario Fernán Pérez de Andrade o Mozo, a segunda revolta dos Irmandiños trouxo como consecuencia a destrución do castelo. Tras a derrota destes, o fillo do Mozo, Diego de Andrade, ordénalles aos sublevados feitos prisioneiros a reconstrución do edificio. É neste momento cando se realiza a traza octogonal da torre, cun obxectivo claramente defensivo e estratéxico: facela máis resistente fronte aos ataques dun revolucionario e exitoso instrumento bélico: a pólvora.

Finalizando o século XV os Reis Católicos concédenlle a Diego de Andrade o título de conde de Vilalba. As concesións nobiliarias sucédense na persoa do seu fillo, Fernando de Andrade; pero as accións deste espertan en Fernando o Católico dúbidas sobre a súa lealdade, polo que dispón confiscarlle a fortaleza a comezos do XVI. Nos anos posteriores non se destina o inmoble a ningún uso e sofre o abandono. Mentres, co paso do tempo e as alianzas matrimoniais, o condado de Vilalba incorporouse como un título máis á casa de Lemos e, de aí, á todopoderosa Casa de Alba.

Ao comezar a I Guerra Carlista, a edificación volve recuperar a súa función e emprégase como baluarte defensivo; para isto lévase a cabo un labor importantísimo de reconstrución e reforzo. Vilalba sofre un primeiro asalto carlista en 1835 e posteriormente dous máis. O daquela duque de Alba reclámalle o pagamento dos danos ao Concello, reclamación que resulta denegada e, finalmente, retirada. Avanzado o século XIX e co fin dos enfrontamentos carlistas, volve quedar abandonada; chegou mesmo a utilizarse como canteira pública. Isto ocasionou innumerables danos: perdéronse as torres menores, a porta de entrada e parte das murallas do antigo castelo, que daquela aínda se atopaban en pé. Finalmente, só a torre da homenaxe, que hoxe se contempla, puido manterse e, afortunadamente, librouse de ser vendida como canteira polo seu entón propietario, xa desvinculado da Casa de Alba. A campaña de defensa realizada por un grupo de intelectuais galegos librouna da desaparición, pero non puido evitar a deterioración derivada do abandono.

Xa nos anos 60 do século XX a torre rehabilítase e convértese en Parador Nacional de Turismo, para o que se levantaron en terreos anexos outras dependencias. Esta intervención posibilitou a recuperación deste elemento patrimonial e a súa conservación.

En 1994 incorpórase ao Catálogo de monumentos do patrimonio histórico de España, como Ben de Interese Cultural (BIC).

Declaración

Ben de Interese Cultural

Tamén che pode interesar

Patrimonio cultural Civil Castelo, torre, fortaleza
Arriba
Axúdanos a mellorar!