MUSEO DE ARTE SACRA DA COLEXIATA DE SANTA MARÍA DO CAMPO

Museos e coleccións
1210
No Camiño de Santiago

Localización

Rúa: Porta de Aires 23

15001  A Coruña - A Coruña

Coordenadas:
43º 22' 15.4" N - 8º 23' 32.7" W

Descrición

O Museo de Arte Sacra, promovido polo abade Rafael Taboada Vázquez, foi inaugurado en 1990. É un edificio de nova planta, deseñado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto, sobre un terreo de 32 metros cadrados (8x4). O interior estrutúrase ao redor da escaleira, convertida no elemento principal do edificio, que pretende aparentar un cofre en cuxo interior se gardan as xoias.

O Museo alberga unha colección de pezas de pratería que foi atesourando a Colexiata ao longo da súa historia, todas elas de prata na súa cor ou sobredourada. A maior parte corresponden ao período comprendido entre 1750 e 1825.

A colección divídese en catro niveis.

No primeiro nivel consérvanse pezas dos séculos XVI e XVII, entre as que destacan a arqueta eucarística e a custodia doadas pola raíña Mariana de Neoburgo, segunda muller de Carlos II. A arqueta, do ano 1691, é unha caixa octogonal de fondo liso sobre o que se aplican láminas de prata repuxada con motivos vexetais; e a custodia, realizada no ano 1695, é do tipo "Sol", cun marco central en forma de corazón, en torno ao que se distribúe a decoración figurada.

No segundo nivel expóñense obras de prateiros das escolas coruñesa e cordobesa. Da coruñesa destacan o relicario de San Clemente ou a Custodia ferrolá, realizada por Domingo Antonio de Castro en 1815. É unha peza de prata na súa cor, prata sobredourada e bronce, con pedrería e esmaltes, coroada pola Fe cos ollos vendados, e que presenta, na base, representacións das Táboas da Lei e da Arca da Alianza. Pezas interesantes son tamén os incensarios, a naveta, o portaviático, o relicario da nosa Señora, unha cruz parroquial, seis candeeiros, unha cruz de altar, portapaces etc.

No terceiro nivel expóñense varias obras do século XVIII e principalmente do XIX. Durante este último século comezan a realizarse as pezas de prata en serie, co que perden a orixinalidade que tiñan ata daquela.

No cuarto nivel están as obras das escolas salmantina e compostelá. Da salmantina atopamos unhas cantoneiras sobre libros de cantos, dúas sacras, así como seis floreiros de prata na súa cor sobre os que destaca, en prata sobredourada, o escudo da Colexiata: un vaso de azucenas coroado (a flor da pureza). Polo que se refire á escola compostelá, a maior parte das obras son do prateiro Jacobo Pecul, realizadas na fin do século XVIII e principios do XIX, e entre as que destaca unha pequena custodia de prata sobredourada á que lle serve de hastil a figura dun querubín. Outra obra importante de Pecul é o copón, que se atopa na vitrina exenta, ao que lle serve de hastil un tronco de vide que suxeita a copa, coroado cunha figuriña do cordeiro sobre o libro dos sete selos. Outras obras destacables deste prateiro compostelán son unha cruz de altar con seis candeeiros e dous farois.

A Custodia de Sobrado, feita en Madrid por Durán en 1796, pertenceu ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, de onde saíu tras a exclaustración. Ten un pé triangular cun anxiño en cada esquina e tres medallóns cun Agnus Dei, a aguia e o Ollo do Pai. O "Sol" suxéitao unha extraordinaria figura da Fe de prata mate na súa cor.  

Camiños de Santiago

Camiño Inglés

Máis información

https://museos.xunta.gal/gl/santa-maria-campo
Patrimonio cultural Museos e coleccións Museos e coleccións visitables
Data de recollida inicial: 31/03/2012
Arriba