IGREXA PARROQUIAL DE SANTIAGO DE BARBADELO

Relixioso
2075
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Barbadelo (Santiago)

27616  Sarria - Lugo

Coordenadas:
42º 45' 54.0" N - 7º 27' 02.0" W

Camiños de Santiago

Camiño Francés

Fitos do Camiño

Preto do río Barbadelo, nunha bela contorna, aséntase entre os séculos X e XI un mosteiro dúplice, que logo pasaría a depender de Samos, en cuxa órbita se mantén ata 1835. Na segunda metade do  XII érguese a igrexa sobre a anterior fábrica do priorado. Consérvanse aínda vestixios da construción  monacal; así, pode verse á beira da igrexa unha edificación aínda coñecida como “o mosteiro”, que pasou a ser propiedade particular coa Desamortización.

A igrexa románica, de nave única, experimenta numerosas modificacións. No século XVIII cambiou a ábsida orixinal por outra cuadrangular con sancristía apegada. Baixo o tellado desta consérvase o que se interpreta como restos do antigo hospitaliño para peregrinos, unha cociña alta e unha cheminea francesa. As fachadas oeste e norte manteñen as súas portadas románicas, nas que destaca a decoración dos seus capiteis, con motivos  zoomórficos, antropomórficos e  fitomórficos; na chambrana da porta setentrional obsérvase decoración de sogueado. Na portada oeste pode verse unha decoración xeométrica,  axadrezado, en  beiril e  chambrana, e  besantes na  arquivolta central; pero o que a singulariza é a ornamentación  figurativa do  tímpano e lintel, de carácter simbólico. Unha imaxe de brazos abertos, que parece convidar á oración, centra o tímpano e é flanqueada por dous bloques nos que aparecen dúas figuras xeométricas con forma de estrela.

Outro elemento destacado da fachada principal é a torre románica situada no ángulo noroeste. Divídese en tres corpos e chama a atención a súa inusual arquitectura interior. Dentro da igrexa, a torre perfílase coma unha estrutura que lles achega lixeireza e beleza aos muros; lixeireza, polos vanos cos que se abren os seus muros leste e sur, perdendo así o seu carácter macizo, e beleza, pola decoración dos capiteis das columnas nas que se apoian os arcos de medio punto destes vanos.

Foi declarada Monumento Nacional en 1976.

Estilos

Románico

Declaración

Ben de Interese Cultural
Arriba
Axúdanos a mellorar!