IGREXA DE SAN XULIÁN

Relixioso
1322
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Pontecesures (San Xulián)

Lugar: San Xulián

36640  Pontecesures - Pontevedra

Coordenadas:
42º 43' 31.0" N - 8º 39' 02.2" W

Descrición

A igrexa de San Xulián de Requeixo é de orixe románica, rematouse de construír o primeiro de outubro do ano 1116 sendo bispo don Diego Xelmírez. Segundo a carta arqueolóxica editada polo museo Provincial de Pontevedra, no ano 1918 foi localizada nesta capela unha ara adicada a Xúpiter, outra ofrecida os Lares e outras dúas ilexíbeis.

San Xulián de Requeixo é un templo de difícil interpretación, pois, aínda que aparentemente conserva gran parte da súa primitiva factura románica, óllase a simple vista que sufriu numerosas reformas. O templo é dunha soa nave, sen ábsida, sendo o seu interior moi sobrio, presentando unha cuberta de madeira a dúas augas. O testeiro atópase moi reformado, mostra un gran van rectangular e o seu carón percíbese unha antiga porta rectangular cegada. Sobre o piñón sitúase unha sinxela cruz.

No exterior, o muro meridional da nave, aínda conserva algunhas partes interesantes da obra románica. Nesta fachada ábrense tres vans, aínda que só o central é orixinario. Trátase dunha sinxela seteira con derrame interno e con remate superior en forma de arco de ferradura. O máis oriental é un pequeno van cuadrangular, de evidente factura moderna e o da parte occidental, unha seteira rectangular, posiblemente dunha reforma posterior. Destacan os doce canzorros entre os que ollamos dúas cabezas de monstros, un coa boca aberta e unha gran lingua e o outro que semella coller un obxecto cuadrangular e unha figura humana sentada tapando as súas partes coas mans. Ollamos neste muro tamén, un arco de gran tamaño sen sabermos ben cal sería a súa función.

No muro setentrional non conserva ningún van orixinal nin canzorros. Presenta unha sinxela porta con lintel e dous vans, un cuadrangular e outro en forma de seteira rectangular. A fachada principal non é orixinal ollándose modificacións. Ábrese no centro unha porta de arco de medio punto e, enriba desta, un pequeno óculo que da luz ó seu interior. No vértice da fachada, ábrese unha pequena fornela coa imaxe de San Xulián no seu interior. Coroando o vértice unha sinxela cruz de pedra e flanqueando o lado norte, un pináculo con bóla. No lado sur, álzase unha robusta torre-campanario cuadrangular formado por catro machóns unidos por arcos de medio punto onde levan as campás e, rematadas cunha cornixa e unha cúpula.

Como noutras igrexas do rural galego, aparece o cemiterio dentro do recinto do adro, formando un conxunto onde conviven a parroquia dos mortos e a parroquia dos vivos.

Sinalar que a partir do ano 1968, San Xulián de Requeixo, quedou desligado da burguesía de Santa Mariña de Herbón (Padrón) por mandato do arcebispo de Compostela, Miguel García Cuesta. Ata entón o culto víñase celebrando na antiga igrexa de San Xulián e no pequeno santuario da Leprosería de San Lázaro. Este santuario existiu ata o último terzo do século XIX, na praza da igrexa. No ano 1875, unha xunta parroquial acordara construír un novo templo en Requeixo. O novo templo construíse co esforzo de tódolos veciños, quedando inaugurada o 8 de outubro de 1893 e quedando San Xulián como capela. A partires do ano 1925 constituíase o novo concello independente de Pontecesures, e a freguesía de San Xulián de Requeixo, mediante providencia do Provisor do arcebispo de Santiago de Compostela, pasaba a chamarse como na actualidade.

Acceso

Núcleo capital municipal.

Camiños de Santiago

Camiño Portugués
Camiño Portugués da costa
Ruta do Mar de Arousa e Ulla
Arriba