PAZO DE TRASARIZ

Civil
2769

Localización

Parroquia: Vimianzo (San Vicenzo)

Lugar: Vimianzo

15129  Vimianzo - A Coruña

Coordenadas:
43º 06' 46.0" N - 9º 01' 59.9" W

Descrición

Propiedade privada non visitable. Boa vista do pazo desde o exterior do muro.
Fermoso pazo situado preto do castelo de Vimianzo. Trátase dunha gran casa de planta rectangular que destaca polo seu pórtico de oito arcos, apoiados en columnas por chapiteis dóricos. Estes sosteñen unha delicada solaina de columnas de estilo xónico. Destacan na súa arquitectura tamén as grandes chemineas.
Na parte que dá ao norte ten adosada unha capela barroca do século XVII -a capela da Nosa Señora da Soidade- que ten entrada directa dende o interior do pazo e tamén dende o exterior. Esta capela privada, con xambas e lintel ben moldurado na súa fachada -onde tamén se pode ver o escudo coas armas dos Caamaño e Vilar- bríndalle aínda unha maior maxestuosidade a todo o conxunto.
O Pazo de Trasariz foi fundado na segunda metade do século XVII pola Casa de Altamira, representada por Antonio Caamaño e Quintana, que no ano 1695 era alcaide dos estados de Altamira. Esta propiedade transmítese de xeración en xeración dentro da Casa dos Caamaño, de aí que tamén se coñeza como Casa Señorial dos Caamaño. No século XIX pasa polas mans das familias Ardeleiros e Teijeiro, e no ano 1880 Andrés Paz Fernández, avó do actual propietario José Romualdo Nogueira-Paz, compra a propiedade.

Acceso

Sitúase na propia vila de Vimianzo, na rúa Trasariz.
Arriba
Axúdanos a mellorar!