RÍA DE FERROL

Rías e praias
151

Localización

Coordenadas:
43º 28' 57.1" N - 8º 12' 28.6" W

Descrición

Alongada de oeste a leste, a ría de Ferrol deseña o perfil dunha espada mariña que se incrusta no continente. Á súa boca, estreita, séguelle un estreito canón, que se abre camiño da desembocadura do río Grande de Xubia, onde volve estreitarse. O cabo Prioriño e a punta do Segaño son os seus límites máis occidentais. Cando o navegante traspasa as puntas do Vispón e Redonda, a ría abre os seus horizontes e adquire unha forma ondulante coas enseadas do Baño, Mugardos e O Seixo, na súa ribeira meridional, e A Malata, Caranza e As Aceas, na setentrional.
A privilexiada configuración da ría determinou a súa elección como centro neurálxico da Mariña de guerra española no século XVII. Este feito condicionou a súa vida económica. Houbo que construír os castelos de San Carlos, San Cristovo, San Filipe e da Palma para a súa defensa. Deles, unicamente os dous últimos se conservan en bo estado.

Na súa marxe setentrional sitúase Ferrol, sobre un relevo plano que ascende suavemente cara ao norte entre os barrios de Canido e Serantes. O barrio da Madalena, froito da racionalidade urbanística do século XVIII, adáptase á xeometría natural de liñas que se cortan. Cidade marítima e industrial, os seus mellores edificios están en relación directa coa Armada.
Os estaleiros e os servizos de abastecemento da Mariña e os cuarteis provocaron a atracción de Ferrol sobre a súa comarca que, progresivamente, foi perdendo os seus sinais de identidade. A mesma cidade, a partir do século XVIII, adquiriu unha racionalización xeométrica que se plasma no barrio da Madalena, pegado ao vello Ferrol, íntimo e mariñeiro.
A poucos quilómetros de Ferrol atópase a espléndida praia de Doniños, orientada cara ao mar aberto. Asociada a ela, xerouse a lagoa de Doniños, unha preciosa paraxe natural.
Arredor da ría, malia a súa intensa transformación, aínda se poden atopar fermosas estampas mariñeiras.
É o caso da vila de Mugardos, que se cingue á forma redondeada da súa enseada, A Graña, Fene, Neda ou Narón, que aínda conservan fermosos recantos. Outro tanto sucede coas aldeas de pasado mariñeiro, como O Seixo, San Felipe ou Maniños.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba