Descrición
Alongada de oeste a leste, a ría de Ferrol deseña
o perfil dunha espada mariña que se incrusta no
continente. Á súa boca, estreita, séguelle un estreito
canón, que se abre camiño da desembocadura do río
Grande de Xubia, onde volve estreitarse.
O cabo Prioriño e a punta do Segaño son os seus
límites máis occidentais. Cando o navegante traspasa
as puntas do Vispón e Redonda, a ría abre os seus
horizontes e adquire unha forma ondulante coas
enseadas do Baño, Mugardos e O Seixo, na súa
ribeira meridional, e A Malata, Caranza e As Aceas,
na setentrional.
A privilexiada configuración da ría determinou
a súa elección como centro neurálxico da Mariña de
guerra española no século XVII. Este feito
condicionou a súa vida económica. Houbo que
construír os castelos de San Carlos, San Cristovo,
San Filipe e da Palma para a súa defensa. Deles,
unicamente os dous últimos se conservan en bo
estado.
Na súa marxe setentrional sitúase Ferrol, sobre un
relevo plano que ascende suavemente cara ao norte
entre os barrios de Canido e Serantes. O barrio da
Madalena, froito da racionalidade urbanística do
século XVIII, adáptase á xeometría natural de liñas
que se cortan. Cidade marítima e industrial, os seus
mellores edificios están en relación directa coa
Armada.
Os estaleiros e os servizos de abastecemento da
Mariña e os cuarteis provocaron a atracción de Ferrol
sobre a súa comarca que, progresivamente, foi
perdendo os seus sinais de identidade. A mesma
cidade, a partir do século XVIII, adquiriu unha
racionalización xeométrica que se plasma no barrio da
Madalena, pegado ao vello Ferrol, íntimo e mariñeiro.
A poucos quilómetros de Ferrol atópase a
espléndida praia de Doniños, orientada cara ao mar
aberto. Asociada a ela, xerouse a lagoa de Doniños,
unha preciosa paraxe natural.
Arredor da ría, malia a súa intensa transformación,
aínda se poden atopar fermosas estampas mariñeiras.
É o caso da vila de Mugardos, que se cingue á forma
redondeada da súa enseada, A Graña, Fene, Neda ou
Narón, que aínda conservan fermosos recantos. Outro
tanto sucede coas aldeas de pasado mariñeiro, como
O Seixo, San Felipe ou Maniños.