RÍA DE VIVEIRO

Rías e praias
1287

Localización

Coordenadas:
43º 39' 52.6" N - 7º 35' 40.4" W

Descrición

Entre a punta do Faro, ao leste, e a punta Fuciño do Porco, ao oeste, abrese a boca da ría de Viveiro que, a xeito de uve encaixado, penetra cara ao sur, onde se funde co val do río Landro, que discorre no medio de abas empinadas. O feito de estar encaixada entre outeiros, facilita a ascensión a varios deles e, de aí, as vistas que podemos contemplar dende este lugar. Así, se subimos ata o monte Faro ou ata o monte de San Roque, neste caso ao pé dunha fermosa ermida, podemos contemplar en toda a súa amplitude as paisaxes costeiras.
A ría e os seus arredores combinan elementos gratos para calquera viaxeiro. Non só se pode admirar a fermosa e recollida vila de Viveiro, que centra a actividade administrativa e comercial da comarca, e que garda moitos dos restos do seu pasado medieval, senón que tamén se pode visitar o porto pesqueiro de Celeiro ou a praia de Area, onde a lenda fala da existencia dunha cidade asolagada, como castigo pola súa resistencia a aceptar do apóstolo Santiago a predicación do Evanxeo.

De orixe medieval, Viveiro foi considerado por Molina no século XVI como "unha das xentís vilas deste reino". Comercial e pesqueira durante séculos, foi no século XIX importante centro mineiro. Dende 1891, ten o título de cidade. O conxunto da parte antiga segue a ser un dos máis fermosos de Galicia.
Da antiga muralla, Viveiro aínda conserva tres portas: a Maior ou Porta do Castelo (século XVI), declarada Monumento Nacional, a do Valado e a da Vila. No seu interior sobresae a igrexa románica de Santa María do Campo, do século XII, ou a gótica de San Francisco, do século XIV. Ademais, nas súas proximidades atópase San Pedro de Viveiro, antiga sede da cidade (Monumento Nacional), o convento de Miraflores, ou o lugar do Naseiro, onde se celebra, a finais de agosto, unha típica romaxe. Nos seus arredores atópase o bosque de Chavín, cos seus espectaculares eucaliptos.
Na marxe occidental da ría, Covas converteuse nunha zona residencial e turística e os seus edificios contrastan fortemente cos do núcleo antigo.

Arriba
Axúdanos a mellorar!