CANÓN DO SIL (A RIBEIRA SACRA)

Espazos naturais
5104
No Camiño de Santiago

Localización

Lugo

A Pobra do Brollón | Carballedo | Chantada | Monforte de Lemos | O Saviñao | Pantón | Ribas de Sil | Sober

Ourense

A Peroxa | A Teixeira | Castro Caldelas | Montederramo | Nogueira de Ramuín | Parada de Sil

Coordenadas:
42º 24' 54.9" N - 7º 38' 33.8" W

Descrición

Cultura interior
A erosión fluvial do Sil labrou sen pausa a profunda fenda que o conduce ata desembocar na esquerda do Miño. Na súas paredes imposibles buscaron refuxio monxes e eremitas que coa mesma paciencia secular as poboaron de mosteiros. Ata unha ducia de cenobios, románicos e beneditinos a maioría, que lle deron o nome xa documentado desde a Idade Media de Rivoyra Sacrata.
Aínda que se trate dun dos mellores espazos naturais definidos polos dous grandes ríos, ninguén sabe onde comeza e remata exactamente a Ribeira Sacra. Poida que os seus límites verdadeiros veñan dados pola presenza das vides nas ladeiras de solaina. De aquí saían os viños de Amandi que acadaron sona de exquisitos xa en tempos do Imperio romano, e hoxe contan cunha Denominación de Orixe que os ampara.
Os mosteiros foron exclaustrados e as augas remansadas en sucesivos encoros, pero a forza da paisaxe segue latexando en cada colleita dos seus froitos. Admira a difícil vendima nas fortes pendentes só cultivables en socalcos, na mellor mostra de paisaxe humanizada sen présa.

A natureza máis agreste atopa o seu sitio nos afloramentos graníticos revestidos de matogueiras e bosques de castiñeiros e carballos. As peculiares condicións climáticas das zonas máis resgardadas favorecen a presenza de especies mediterráneas como as sobreiras e os érbedos. Os rochedos altos das gargantas téñense citado en ocasións como un dos últimos refuxios das aves rapaces máis ameazadas.

Acceso

Varios desvíos ao canón do Sil polo sur desde a OU-536 A Rúa-Ourense. Estrada local desde Castro Caldelas ata Luíntra por Parada de Sil. Acceso a varios puntos do Sil e do Miño desde Os Peares, entre Ourense e Monforte de Lemos. Para o canón doMiño, desde Chantada ou desde Monforte de Lemos comunicadas entre elas polo CRG-2.1.

Camiños de Santiago

Camiño de Inverno

Situación

En sentido amplo, a Ribeira Sacra comprende territorios dos concellos de Castro Caldelas, Montederramo, A Teixeira, Parada de Sil, Nogueira de Ramuín e A Peroxa na provincia de Ourense; e os de Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober,Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón e Ribas de Sil na provincia de Lugo. O canón do Sil abrangue os últimos 25 km do río anteriores á súa desembocadura no Miño, na localidade dos Peares.

Superficie

5.914 ha.

Servizos

Aloxamento: Si.
Comer: Si.

Sen pérdida

Os Peares é o punto preciso onde se xuntan os dous grandes ríos do noroeste. Segundo o dito popular, o Sil leva a auga e o Miño, a fama. Augas arriba, os dous por separado, formaron profundos canóns que no caso do Sil acadan o punto máximo nos 500 metros de profundidade. A estrada de servizo ás presas hidroeléctricas que parte dos Peares introdúcenos nesta paisaxe cunha abraiante sensación de aventura.
Unha das formas máis espectaculares de coñecer a Ribeira Sacra é pola auga. Os dous cursos fluviais son navegables en catamarán. O Sil desde os embarcadoiros ourensáns de Santo Estevo (Nogueira de Ramuín) e Abeleda (Castro Caldelas). O Miño desde a localidade luguesa de Belesar (O Saviñao). Os itinerarios turísticos teñen o seu percorrido polo corazón mesmo da paisaxe.
Os mosteiros máis apegados ao fluír do Sil son os de Santo Estevo de Ribas de Sil e o de Santa Cristina. Ao primeiro, convertido en establecemento hoteleiro, accédese desde a localidade de Luíntra (Nogueira de Ramuín) ou, se queremos alongar o camiño, polo mosteiro de San Pedro de Rocas (desvío na OU-536 en Tarreirigo, Esgos). O centro de interpretación do cenobio de Rocas, considerado o primeiro de Galicia, dálle valor engadido á visita. Ao de Santa Cristina, desde Parada do Sil por unha estrada de ida e volta. A baixada ata este mosteiro realízase entre a espesura de árbores centenarias. Tamén desde Parada de Sil, unha breve pista de terra conduce ata o denominado Balcóns deMadrid. Trátase dun miradoiro de vertixe sobre o abismo, e na outra beira do río veremos o santuario de Cadeiras (Sober) e a chaira de Monforte como horizonte. Non faltarán no camiño outros miradoiros, como a andamiaxe entre Vilouxe e Caxide onde o canón acada a súa máxima altitude.
Desde O Castro de Caldelas, cuxo castelo permite outear previamente a paisaxe, parte unha estrada que curva a curva se perde polos segredos da Ribeira Sacra.

Natureza senlleira

Sorprendentes paisaxes de socalcos para o cultivo da vides. As condicións climáticas permiten que especies típicamente mediterráneas atopen aquí refuxio. Por exemplo, as sobreiras e os érbedos que acompañan ás manchas boscosas autóctonas de carballos e castiñeiros. As aves rapaces como a aguia real e o falcón peregrino tamén atopa os seu hábitat nos rochedos de máis difícil acceso do canón.

Información e equipamentos

.

Plano

Natureza Espazos naturais ZEC - Rede natura 2000
Arriba
Axúdanos a mellorar!