DA PRAIA MAR DE LIRA A PORTOCUBELO

Paseos
1192

Localización

Carnota - A Coruña

Coordenadas:
42º 48' 12.5" N - 9º 07' 46.3" W

O Paseo

Da praia Mar de Lira a Portocubelo
Co Pindo na mirada

Trátase dun curto paseo que nos vai levar dende a praia Mar de Lira ata o pequeno peirao de Portocubelo, na parroquia carnotana de Lira. Unha área recreativa e un parque infantil dan paso a unha pasarela de madeira, totalmente ciclable, que de seguido ofrécenos unhas extraordinarias vistas do extenso areal de Carnota, un dois máis longos de Galicia, que se vai abrindo en forma de cuncha.

Cara ao norte a impresionante figura do macizo pétreo do Pindo, o denominado “Olimpo Celta” de Galicia domina o horizonte cos seus 629 m no seu punto máis alto, A Moa. Se ollamos cara o noroeste, veremos a ría de Corcubión, coa súa bocana no faro de cabo de Cee e as Illas Lobeiras, e á nosa esquerda a península que forma Fisterra ata o seu cabo, meta de moitos peregrinos.

Tras deixar a plataforma de madeira, un camiño lévanos de contado ata a aldea de Portocubelo, acubillada no seu porto, que conserva algunhas casas mariñeiras. O paseo remata no propio peirao.

Para aqueles que sexan máis camiñantes, podedes continuar a ruta bordeando todo o litoral ata o faro de Lariño, pasando por pequenos areais e recordando naufraxios como o do buque Ariete. Son uns 6 km de percorrido lineais.

Para os que teñades interese cultural, dende a praia de Mar de Lira podedes subir ata a igrexa, e gozar das vistas así como do hórreo da súa Casa Reitoral, un dos máis longos de Galicia xunto co do Araño en Rianxo e o de Carnota.

Características

Lonxitude: 1,13 km (só ida)
Punto de Inicio:
Praia de Mar de Lira (42°48'11.05"N / 9°7'45.25"O)
Punto de Fin:
Porto de Portocubelo (42°48'12.86"N / 9°8'17.88"O)

Accesibilidade a ter en conta

Desniveis con escaleiras
Zonas de terreo esvaradío

Tipo

Ollando o mar
Data de recollida inicial: 01/01/2021
Arriba