Localizada na serra do Courel, a zona de maior diversidade vexetal de Galicia, atopamos esta ruta que cruza a devesa da Rogueira, un bosque atlántico cunha diversidade arbórea extraordinaria. Faias, teixos, arces, castiñeiros e carballos, entre outros, fan deste lugar un paraíso para os amantes da botánica en particular e da natureza en xeral.
Tamén a súa fauna é diversa, acollendo corzos, donicelas, gatos monteses ou liróns, ademáis de especies endémicas do norte peninsular como o tritón ibérico ou a ra patilarga.
A ruta comeza no cumio do alto do Couto, a 1.311 m de altitude, por un sendeiro que se adentra na devesa, onde se alternan miradoiros ao val e ao bosque. É un percorrido cheo de rincóns máxicos atravesados por arroios e balizados por fervenzas que nos conducirá ata as fontes do Cervo. Aí atoparemos dous mananciais, un de augas calcáreas e outro de augas ferruxinosas famoso polas súas propiedades medicinais, e que na zona son coñecidas como as fontes da Fame, xa que bebían delas para abrir o apetito.
A partir de aquí encamiñamos os nosos pasos cara ao miradoiro de Polín, onde poderemos facer un descanso para desfrutar das vistas antes de iniciar o camiño de volta.