CAPELA DE SAN AMARO

Relixioso
774

Localización

Parroquia: Aldán (San Cibrán)

Lugar: Menduíña

Rúa San Amaro

36945  Cangas - Pontevedra

Coordenadas:
42º 17' 55.8" N - 8º 48' 37.1" W

Descrición

Situada nunha carballeira ao norte de Menduíña. Trátase dun templo de estilo neoclásico (S. XIX), froito da reconstrución da súa antiga forma. Un arco de medio punto aparecido tras o retablo, permítenos asociarlle unhas posibles orixes románicas.
Consta dunha soa nave rectangular e unha sancristía anexa cun alpendre. Destaca a súa sobriedade, con poucos elementos decorativos que resaltan as liñas xeométricas e clásicas. Nesta capela venérase a San Amaro o 15 de xaneiro e a Santa  Mariña o 18 de xullo. A principios dos 90, sufriu un incendio do cal só quedaron intactas as campás. Hoxe en día está restaurada, sen retablo, con santos e cuberta novos. Na espadana ten unha cruz. Cruces como estas tamén coroan a parte traseira e o pináculo do teito da sancristía. O atrio da ermida está rodeado por unha muralla, o acceso a este é a través dunhas escaleiras en semicírculo, onde antigamente se atopaba un portalón que impedía o paso ao atrio. Tamén podemos atopar un cruceiro xusto diante do edificio, un palco onde tocan as bandas de gaitas e a casa das «Ánimas» tamén  coñecida como a «Casa das Velas», empregada polas mulleres para rezar polas almas do purgatorio e onde se gardaban os cirios.

Acceso

Saír do núcleo urbano pola PO-315 dirección Aldán/Bueu pola costa, seguir por esta estrada 8,25 km, logo desviarse a esquerda a altura do campo de fútbol de San Amaro pola Rúa de San Amaro, despois de 450 m chégase a Capela situada na marxe dereita da rúa.

Estilos

Neoclásico
Arriba
Axúdanos a mellorar!