GERÊS - XURÉS

Espazos naturais
5726

Localización

Ourense

Bande | Calvos de Randín | Entrimo | Lobeira | Lobios | Muíños

Coordenadas:
41º 51' 22.7" N - 8º 05' 45.7" W

Descrición

Horizontes de granito
Onde a fronteira abraza os mapas de Galicia e Portugal, as serras recortan o horizonte celeste coas cores do granito. Ao redor deste núcleo rochoso, que agroma en cumes con erosión de séculos, botou raíces un bosque inmenso. Atlántico pola humidade, mediterráneo por temperatura, semialpino por altitude. É esta unha das reservas transfronteirizas meirandes da Unión Europea. Destaca, segundo o seu recente recoñecemento como Reserva da Biosfera pola UNESCO “pola variedade dos seus ecosistemas de bosque e turbeira, así como polo considerable número de especies endémicas baixo a influencia conxunta do clima oceánico e mediterráneo”.
As matas da Albergaría, do Cabril, do Beredo e Ramiscal son espazos de acceso restrinxido dentro do Parque Nacional luso e que figuran como un dos mellores bosques peninsulares; ao igual que a fraga da Barxa, na zona de reserva do Parque Natural galego.

Acceso

Desde Ourense, dirección Celanova e Portugal, pola OU-540. Desde Xinzo de Limia pola estrada comarcal OU-301 ata Bande. Por Portugal, múltiples accesos por estrada. Dentro do Parque Nacional portugués existen rutas con restricións ao acceso con vehículos.

Situación

Os municipios incluídos na Reserva da Biosfera ascenden a un total de 11. Seis en Galicia: Lobios, Entrimo, Muíños, Lobeira, Calvos de Randín e Bande. Cinco en Portugal: Melgaço, Arcos de Valdevez, Ponte da Barca, Terra de Bouro e Montalegre.

Superficie

259.496 hectáreas (62.916 ha en Galicia e 205.580 ha en Portugal).

Servizos

Aloxamento: Si.
Comer: Si.

Sen pérdida

Non será difícil atoparmos topónimos de case todas as orixes e pobos que ocuparon estas terras, así como os vestixios monumentais e artísticos que nos deixaron. A cultura dos pobos prerromanos representada nos impresionantes dolmens espallados por toda a zona. Monumentos latinos de primeira orde como o acampamento romano de Aquis Querquernis, visible e visitable cando as augas do encoro das Conchas baixan o seu nivel. Pero todo o ano conta cunhas instalacións que serven de excelente exemplo explicativo do proceso da romanización polas armas e a palabras deste extremo do imperio romano. Preto dela tamén se encontra a igrexa de Santa Comba de Bande, exemplo senlleiro do estilo arquitectónico visigodo. Para mostras da arquitectura barroca, o concello de Entrimo ofrece a magnífica fachada da igrexa de Santa María a Real. En calquera recuncho, as construcións populares como os muíños, alvarizas, “chivanas” (refuxios de pastores no monte), “canastros” no galego da zona e “espigueiros” en portugués (hórreos), fontes, cruceiros, camiños, valados… amósannos no seu corpo de pedra a fonda e rica creatividade popular.
Na vertente portuguesa, o punto de peregrinación popular máis importante sitúase no santuario da Peneda e a súa soada fervenza en época de chuvias, no concello de Melgaço. Os itinerarios de acceso posibles sitúanse desde a vertente doMiño ou atravesando a raia desde Entrimo, tamén polo interesante punto do Castro Laboreiro.

Información e equipamentos

Sede del Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
Teléfono: +34 988 448 048
Centro de Interpretación del Parque Natural
Teléfono: +34 988 448 048
Teléfono 2: +34 988 448 181}
Enderezo: Lobios
Centro de Interpretación Arqueológica Aquae Querquennae - Via Nova
Teléfono: +34 988 444 401
Teléfono 2: +34 988 448 181}
Enderezo: Porto Quintela (Bande)

Plano

Natureza Espazos naturais Reserva da biosfera
Arriba
Axúdanos a mellorar!