Descrición
O conxunto, que ocupa uns 20.000 m cadrados, é unha das maiores construcións deste xénero que existen en España e actualmente alberga o Seminario Maior e un establecementos hostaleiro. Ademais, conta cun museo con exposición permanente, incluíndo a igrexa con retablos e o cadeirado do coro.
A realización da igrexa e o mosteiro lévanse a cabo ao longo de máis dun século, dende que se comeza a igrexa, en 1590, ata que remata un dos claustros interiores, en 1747. As orixes da comunidade non se coñecen, pero suponse que están vinculados á aparición dos restos do Apóstolo. Si se sabe, non obstante, da existencia dun edificio primitivo no mesmo lugar, de factura románica, e do que non quedan apenas restos. Os escasos elementos arquitectónicos que sobreviviron ao tempo, aproveitáronse para a cimentación do actual edificio, como se pode apreciar nalgúns muros exteriores.
A igrexa de San Martiño Pinario reúne elementos do último renacemento e do barroco, moi común en toda a cidade. A planta é dunha soa nave, con capelas laterais inscritas nun rectángulo. A inmensa nave central cóbrese con bóveda de canón con falsos casetóns, e as tres capelas laterais con bóvedas casetonadas. A grande cúpula nervada, apoiada en pechinas, proporciona unha sensación aérea moi marcada. No interior destacan as capelas, realizadas na súa maior parte, no século XVIII, así como os tres retablos, da mesma época, ao que se engade o espléndido coro baixo, do século XVII, onde se representan escenas da vida da Virxe. Os tres retablos son deseñados por Fernando de Casas. Ademais, ao longo deses anos, os monxes ían encargando e engadindo imaxes encargadas na súa maioría ao escultor José Ferreiro. Ao exterior, a fachada da Igrexa, á que se accede a través dunhas fermosísimas escaleiras barrocas, estrutúrase en tres corpos verticais que corresponden coa división interna do templo, e que representan unha profusión decorativa ausente no resto dos muros. Cóbrese con multitude de figuras de santos e coróase, na parte superior, coa escena de San Martiño.
O Mosteiro propiamente dito componse de dous claustros: o das Oficinas e o da Portería, realizados no século XVIII. Ao exterior, destaca a súa fachada principal, proxectada por Frei Gabriel de las Casas, que inicia as obras cara a 1697. Componse de tres corpos: a fronte e dúas torres laterais de planta cadrada. A porta principal está enmarcada por catro grandes columnas dóricas e sobre ela, unha fornela que porta a imaxe de San Bieito. Sobre o cornixamento, catro pináculos e a peita cun escudo real e coroa calada. Rematando o conxunto, un grupo escultórico de San Martiño partindo a capa cun pobre.