O INVERNADEIRO

Espazos naturais
No Camiño de Santiago
1273

Localización

Vilariño de Conso - Ourense

Coordenadas:
42º 07' 59.6" N - 7º 19' 28.2" W

Descrición

Lección de montaña
Non existen asentamentos humanos dentro dos límites do Invernadeiro. Todo é natureza. A súa historia vén de antigo, sempre como propiedade non dividida desde a Idade Media, dedicada daquela ao pastoreo e á caza. A mediados do século pasado converteuse nunha zona autorizada de repoboacións forestais ata que no ano 1981 sufriu un incendio e cambiou o seu destino. Das cinzas renaceu cunha aposta pola recuperación ambiental que se consolidou definitivamente no verán de 1997 coa súa declaración como Parque Natural. Na actualidade é unha das mellores aulas da natureza da comunidade para coñecer con intensidade a vida do Macizo Central ourensán.
As vellas montañas galaicas, que superan nas estremas do parque os 1.500 metros de altitude, combinan o encanto agreste da rocha coa suavidade dos grandes volumes arredondados. Son as serras propicias para acoller gran parte da vida salvaxe representada na súa cúspide polo lobo e as súas presas corzo e xabaril. Os ríos, igual ca en tempos primitivos os glaciares, viven neste espazo o gran momento da montaña. Os cauces xemelgos Ribeira Grande e Ribeira Pequena poñen o ritmo fluvial.

Camiños de Santiago

Vía da Prata

Situación

Parque Natural, integramente no concello de Vilariño de Conso.
O Macizo Central abrangue a área montañosa das comarcas centrais ourensáns, nos concellos do Bolo, Chandrexa de Queixa, Laza, Manzaneda, A Pobra de Trives, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Quiroga, Larouco e Montederramo.
O Bidueiral esténdese entre os concellos de Montederramo e Vilar de Barrio.

Superficie

Extensión: 5.722 ha. LIC: 46.829,43 ha. LIC “Bidueiral de Montederramo” 1.948,55 ha.

Servizos

Aloxamento e comida nas localidades dentro do LIC Macizo Central.

Sen perdida

Cómpre solicitarmos con antelación o permiso de acceso e efectuar todos os percorridos a pé polas rutas marcadas. As visitas para grupos realízanse a partir dun mínimo de cinco persoas. É amplamente recomendable para grupos escolares e outros colectivos a aula da natureza da Ribeira Grande e as súas actividades. Ofrece unha experiencia única, illados na natureza percorrendo os grandes terreos de caza do lobo. Algunha destas rutas permite observar un abraiante circo glaciar e varias fervenzas como a de Arcos.
Na Ribeira Pequena salienta a ruta dos cercados que nos achega aos espazos dos cervos e outros ungulados en semiliberdade. Son precisamente cervos, cabras do monte, gamos, rebezos, muflóns as estrelas do parque. Habitan espazos valados que facilitan o control das poboacións e fai do seu albiscamento unha das experiencias de máis grato recordo dos visitantes.

Macizo Central
O Invernadeiro é o corazón dunha vasta zona montañosa practicamente despoboada. As maiores elevacións atópanse na Serra de Queixa, que ostenta o punto máis alto na estación de montaña de Manzaneda (1.782 m), e na Serra de San Mamede (1.619 m). Rexistran abundantes precipitacións en forma de chuvia e neve, pero tamén importantes períodos estacionais de seca.
Desde A Pobra de Trives podemos ascender ata a estación invernal de Manzaneda con múltiples opcións turísticas xa que non limita a súa actividade tan só á temporada de esquí. É o punto de partida de varias rutas de sendeirismo á busca da antiga actividade glaciar da montaña. Tamén podemos optar por continuar ata Celeiros, capital municipal de Chandrexa de Queixa.
Na outra vertente do macizo, dúas son as posibilidades. Por unha banda, no concello de Vilariño de Conso, os encraves de Pradoalbar, onde o río enche o val de gran beleza; e Chaguazoso, onde veremos unha espectacular morena glaciar e a fervenza do río Cenza.

Natureza senlleira

Descripción fauna: Boa recuperación do estrato arbóreo e dos piñeirais. Ao abeiro de abruptas abas, consérvanse bosques maduros de carácter autóctono.
Excelente representación arbustiva de media montaña. A fauna presenta a pirámide trófica completa.
Bioindicadores da saúde dos ecosistemas fluviais como a lontra e outras especies aínda máis escasas a nivel ibérico.

Información e equipamentos

Para visitar el Parque Natural, permiso expedido por escrito por la Consel. Medio Rural de Ourense
Teléfono: +34 988 386 029
Centro de Recepción
Teléfono: +34 988 386 376
Fax: +34 988 386 135

Outras características

Avistamento de paxaros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Plano

Última actualización: 04/05/2015
Arriba