Descrición
Camariñas é un exemplo diferente de ría:
pequena, recollida, apenas marcada no terreo. Os
seus límites máis occidentais constitúenos dous
saíntes pétreos: a punta da Barca, no seu vértice
meridional, e o cabo Vilán, flanqueando a súa
entrada polo norte. Cara ao interior, a ría vai
perdendo os seus trazos mariños para, en Ponte do
Porto, unirse mansamente coas augas do río Grande.
Na ría destacan os portos pesqueiros de
Camariñas e Muxía, así como os restos da existencia
do antigo porto de Ponte do Porto. Nas súas vilas
pódense admirar toda unha extensa gama de
vivendas, mariñeiras unhas, seoriais outras, nas que
se combinan as rexas balconadas de ferro con
galerías acristaladas, que sobresaen de muros
pintados de mil cores -os mesmos cós barcos
fondeados nos seus portos- que bordean estreitas
e retortas rías.
O mar imprégnao todo e, ata hai relativamente
pouco tempo, era posible contemplar os restos de
antigas tradicións, como curar o peixe ao sol. En
cambio, a tradición do encaixe volveu rexurdir,
e seguro que o viaxeiro que chegue con bo tempo
a estes lugares poderá contemplar as palilleiras
movendo os palillos con auténtica mestría e ver como
van crecendo, como por encanto, auténticas
filigranas feitas con fío.
O folclore relixioso está monopolizado pola
devoción á Virxe da Barca. No seu santuario, en
Muxía, situado nun lugar marcado polo rochedo,
fronte a un mar bravío -en calma uns días,
enfurecido outros moitos- reúnense cada ano miles
de romeiros que, ao tempo que se axeonllan ante
a Virxe, seguen a tradición de pasar por debaixo da
Pedra dos Cadrís ou de intentar mover a Pedra de
Abalar, actualmente rota.
E se na punta da Barca domina o sagrado, no
cabo Vilán, límite setentrional da ría, faino a
natureza, os enormes farallóns acantilados que se
internan no océano resistindo os embates da ondada
e do vento. Dende o faro instalado neste lugar pódese
admirar outra extensa gama de paisaxes mariñas
marcadas polo azul do ceo, o rosado do rochedo e o
branco amarelento dos areais. Un auténtico paraíso
salvaxe.