FESTA DO MELINDRE E DA REPOSTARÍA TRADICIONAL DA TERRA

Festas de interese turístico
1093
No Camiño de Santiago
Datas de celebración: 11/05 - 12/05

Localización

Parroquia: Melide (San Pedro)

Melide - A Coruña

Coordenadas:
42º 54' 48.8" N - 8º 00' 46.3" W

Descrición

Melide recende a doce dun xeito moi especial no segundo domingo de maio. A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide ten lugar na Praza do Convento, punto onde se concentran os expositores.
Aínda que durante moitos anos se falou da Festa do Melindre, a exaltación estendeuse a toda a repostaría típica e tradicional de Melide e a súa comarca. Son tres os produtos que recollen a esencia da tradición reposteira na zona: o melindre, o rico e o amendoado.
A idea de organizar a festa xorde coa finalidade de protexer, pór en valor e recuperar a maneira tradicional de facer a repostaría en Melide e, ao mesmo tempo, animar ás novas xeracións para que este oficio teña continuidade no futuro. A chamada “Terra Doce” viste as súas mellores galas para recibir os visitantes larpeiros que se achegan desde toda Galicia.
Na Praza do Convento concéntranse as actividades da festa, que inclúe degustacións gratuítas e mostras de produtos. As rúas da vila énchense de música e baile a cargo de grupos tradicionais nunha xornada na que non falta o pregón, un certame de debuxo infantil ou un recordo especial para os oficios artesáns da localidade como os ferreiros ou os zapateiros.
Aínda que os melindres son os máis coñecidos (elabóranse con xema de ovo, fariña e azucre) e os amendoados tamén teñen merecida sona (clara de ovo, améndoa e azucre), son os “ricos“ os xenuínos de Melide. Os ingredientes desta saborosa galleta melidense son manteiga de vaca, fariña, ovos, azucre e anís. 

Destacado: Os “ricos”, xenuínos de Melide.

Camiños de Santiago

Camiño Francés
Camiño Primitivo

Outras características

Gastronómica
Festas Festas de interese turístico Festas de Galicia de interese turístico
Arriba
Axúdanos a mellorar!