SANTUARIO DA VIRXE DO CAMIÑO

Relixioso
1858

Localización

Parroquia: Muros (San Pedro)

Lugar: A Virxe do Camiño

15250  Muros - A Coruña

Coordenadas:
42º 46' 57.9" N - 9º 03' 56.0" W

Descrición

Santuario que, debido á gran devoción dos fieis, chegou a converterse nun famoso templo ao que concorrían os devotos en peregrinación e os mariños e atribulados coas súas ofrendas para implorar o remedio aos seus males. Existían, pendentes das paredes da súa capela maior, cadros alusivos a ofrecementos feitos por navegantes da vila. O barrio da Virxe do Camiño debeu tomar o seu nome da ermida dedicada á Virxe. Trátase dunha capela de estilo gótico, aínda que a data da súa construción é incerta. Posterior á colexiata de Santa María do Campo, imita o seu estilo oxival, aínda que de traza máis sinxela. Presenta planta rectangular dunha soa nave, de grandes dimensións, dividida en catro tramos por tres arcos apuntados que arrancan sobre un trío de semicolumnas. No primeiro tramo dende a entrada atopamos o coro, sostido por tres arcos que descansan en dúas columnas centrais. A nave non posúe capelas, tan só dúas portas laterais no terceiro tramo, tapiada a do lado do evanxeo. A cabeceira é de planta cadrada con bóveda de aresta. Apegada a un lateral está a sancristía, tamén cuberta con bóveda de aresta. A cuberta é a dúas augas, de madeira e tella do país. Perseveran nela algúns elementos de tradición románica, como os contrafortes que soportan os arcos no interior. Acolle a imaxe da Virxe, que segundo a tradición chegou por mar e foi atopada na praia veciña. Tamén conserva no seu interior a reprodución dunha fragata de guerra datada no ano 1767, que posiblemente fose colocada alí como un “exvoto” á Virxe do Carme que por aquel momento se veneraba neste santuario. Pegada á fachada principal desta igrexa atópase unha edificación, que segundo algúns autores formaría parte do hospital de San Lázaro; pero o máis probable é que non teña nada que ver con el, porque, segundo documentos antigos, o hospital de lázaros non estaría pegado á capela senón situado uns metros por riba arriba do santuario.

Acceso

No mesmo núcleo.
Arriba
Axúdanos a mellorar!