Para finalizar o percorrido polos “10 lugares únicos de Galicia”, chegamos ata o concello da Guarda no que se atopa o castro de Santa Trega. Dende el, poderedes obter a “mellor panorámica castrexa entre dous países”. Como non pode ser doutra maneira, as vistas dende alí son inmellorables: Galicia, capitaneada polo porto da Guarda, o poderoso océano Atlántico e a veciña costa portuguesa conforman o horizonte.

O mellor é levar unha boa cámara que inmortalice este momento.

A panorámica ten aínda máis valor se facemos unha viaxe no tempo: os habitantes do castro xa gozaban destas magníficas vistas dende as súas vivendas. Por suposto, a situación do asentamento non se debía ás paisaxes, senón máis ben a razóns estratéxicas e de seguridade pois, deste xeito, tiñan controlado o tráfico marítimo e a desembocadura do río Miño. 

Este poboado, situado a 341 metros de altura, chegou a acoller unhas 5 000 persoas durante a súa época de maior esplendor, aló polo século I a. C., sendo un dos máis grandes do noroeste peninsular. Está formado por vivendas ovaladas na súa meirande parte pero tamén as hai rectangulares, con esquinas redondeadas, por influencia dos romanos. Aínda que vos pareza un poboado caótico, hai unha orde lóxica arredor de “unidades familiares”, que vos poderiades animar a descubrir, así como os petróglifos que hai nos arredores e dentro do recinto. Os seus moradores tiñan una economía autónoma e tamén elaboraban cerámicas, xoias, tecidos e instrumentos aos que poderedes poñerlles forma no museo arqueolóxico que se atopa na vila.

E, falando da vila, achegádevos ata A Guarda, onde unha visita ao porto é parada obrigada. Alí, poderedes ver como as embarcacións descansan antes de comezar un novo día de faena, sempre co son das gaivotas e o leve runrrún dos motores dos barcos como pano de fondo.

O broche final a esta xornada podemos poñelo vendo atardecer nalgunha das terrazas da vila mentres degustades unha fresca lagosta, cuxa festa gastronómica se celebra en xullo.

Interésache...
- Máis info en www.aguarda.es

Despedirédesvos destas terras, bañadas polas augas do Miño e do océano Atlántico, coa grata sensación de que vos transportastes no tempo e de que vivistes unha impresionante panorámica dende un dos castros máis visitados de Galicia.

Arriba
Axúdanos a mellorar!