A nosa especial viaxe pasa pola cidade de Lugo, cuxa muralla é o exemplo que mellor sobrevive de todas as fortificacións militares romanas. Declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, a muralla é un exemplo excepcional do tipo de construción que ilustra varios períodos significativos da historia humana.

Dende as súas orixes romanas, pasando pola axitada época medieval ata o innovador e revolucionario século XIX, conforma un monumento singular que proba as distintas facetas da evolución dunha cidade como Lugo a cal é, en si mesma, un importante conxunto histórico-artístico dende a orixinal Lucus Augusti.

En Lugo todo xira ao redor da muralla, esta é o corazón da cidade. Subir ao seu adarve e percorrer os case 2,3 quilómetros deste ancho paseo bimilenario transportaravos a outros tempos pero, sen dúbida, a xente paseando, falando ou facendo deporte fará que vos deades de conta de que a muralla está máis viva ca nunca, pois parece unha rúa máis desta encantadora cidade.Ao redor da muralla, Lugo posúe outro importante patrimonio que debedes visitar unha vez que vos encontredes na cidade, como o burgo vello ou a catedral.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Sen dúbida ningunha, un paseo polo seu encantador centro histórico levaravos a algún establecemento onde poderedes repoñer forzas: non deixedes de probar o polbo á feira, o lacón con grelos nin as filloas con mel. Por algo hai un lema que di: e para comer, Lugo!

Pero Lugo é moito máis. Se vos cadra de chegar aquí no solsticio de verán ou a primeiros de outubro, poderedes mesturarvos co bulicio dos miles de visitantes que acoden ao Arde Lucus, unha celebración na que se evoca o pasado romano da cidade, e ás festas patronais do San Froilán, respectivamente.

Por último, non debemos esquecer que Lugo é cidade de paso dun dos ríos máis importantes de Galicia, o Miño, á beira do cal hai habilitado un importante espazo verde que podedes percorrer baixo as copas de árbores autóctonas. E así, acompañados polo frescor da ribeira do Miño, despedídevos desta fermosa cidade, por algo xa os romanos se fixaron nela…

Interésache...
- Máis información en www.lugo.es

Arriba