Fixerades o Camiño ou non, a nosa viaxe chega agora á capital de Galicia, Santiago de Compostela, destino de peregrinación da cristiandade dende o século IX.

Dende as augas do mar Báltico e do mar do Norte, miles de peregrinos camiñaron ata o santuario galego e portaron a cuncha de vieira ao longo de todos os camiños de Santiago, verdadeiros camiños de fe. A todo isto hai que sumarlle que, tanto durante o período románico coma durante o barroco, o santuario de Santiago de Compostela exerceu unha influencia decisiva sobre o desenvolvemento da arquitectura, non só en Galicia, senón tamén no Norte da Península Ibérica.

Antes de entrar na catedral, o ideal é percorrer devagar as diversas rúas da zona vella, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e coñecida popularmente como “a améndoa”. A rúa do Franco, cos seus típicos restaurantes, ou a rúa do Vilar, cos seus soportais, conduciranvos ata o seu contorno. Unha vez alí, achegádevos ata a Praza do Obradoiro e mirade ao voso redor: o pazo de Raxoi, sede da Casa do Concello; o Hostal dos Reis Católicos, actualmente Parador Nacional de Turismo; o colexio de San Xerome, sede do reitorado da Universidade e a Catedral forman un marco excepcional que fará que vos sintades pequenos ante semellante conxunto monumental. O son da gaita de fondo enriquecerá, se cabe, a vosa experiencia pois un gaiteiro adoita tocar baixo o arco do Pazo de Xelmírez, así que, xa sabedes, afinade o voso oído!

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Accedede á catedral polo magnífico Pórtico da Gloria, obra do Mestre Mateo, onde a súa efixie (coñecida como santo dos croques) e o cómplice “sorriso de Daniel” vos darán a benvida. Percorrede o interior deste templo con recollemento, devagar, sendo conscientes da magnitude desta grande obra, para visitar a tumba do apóstolo. Visitade cada capela e fixádevos nos detalles do seu impresionante altar maior. Podedes aproveitar para escoitar a misa e, cun pouco de sorte, veredes o botafumeiro, un incensario de grandes dimensións que conforma un rito único desta cidade. Sen dúbida ningunha, vós tamén sentiredes o recollemento e a emoción dos peregrinos, unha sensación de  chegar á meta, de desexos cumpridos…

Non deixedes de visitar as distintas prazas que rodean a catedral, como a da Inmaculada ou Acibechería, a da Quintana e a de Praterías, que precisamente está coroada pola única fachada románica que permanece no templo. Por suposto, os nomes destas prazas veñen dos antigos gremios medievais, algo que aínda se conserva, pois podedes atopar distintos establecementos nos que mercar prata ou acibeche, unha lembranza perfecta desta cidade.

Logo deste máxico percorrido, non podedes deixar Santiago sen facer boca nalgún dos seus típicos restaurantes da rúa do Franco. Como podedes ver, cada un deles ten o seu propio expositor no que colocan os mellores manxares das rías e terras galegas: percebes, polbo, centolo, robaliza, tenreira galega e un longo etcétera. Todo isto, por suposto, acompañado dos nosos mellores viños. Como sobremesa, a torta de Santiago, feita con améndoa, é a mellor opción para adozar a boca.

Para rematar a visita a Santiago , nada mellor que achegarse ata a Alameda e ao seu paseo da Ferradura, dende onde teredes unha magnífica panorámica da catedral. Con seguridade, a mellor despedida desta viaxe pola capital de Galicia.

Interésache...
- Máis info en... www.santiagoturismo.com

Arriba