IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DE LIEIRO

Relixioso
166

Localización

Parroquia: Lieiro (Santa María)

Lugar: Lieiro

Rúa: de Lieiro s/n

27890  Cervo - Lugo

Coordenadas:
43º 41' 33.0" N - 7º 27' 03.9" W

Descrición

Esta igrexa alberga unha imaxe singular da Virxe María: a Nai de Deus de Lieiro, o nome deste templo en galego antigo. Ocupa o centro do retablo maior (século XX), sobre o sagrario, e é moi probable que sexa de finais do XIII. Trátase dunha virxe sedente que porta no seu colo a Xesús neno; ela leva unha froita signo de fertilidade e el un pergamiño do Evanxeo. Todas as imaxes deste retablo son do autor modernista catalán Coixet. Seguindo pola dereita, pode verse o altar das Ánimas co seu Santo Cristo, de traza inglesa (século XVII) e que segundo contan apareceu flotando no mar. No lado esquerdo atópase o altar de Santa Isabel, titular da festa do barrio de Lieiro; nel destaca a Inmaculada Nena, con total seguridade da escola de Gregorio Fernández.

No interior da igrexa atópase unha lápida de pedra con dous escudos, un deles partido en dous por unha ornamentación vertical e a ambos os lados con ornamentacións horizontais a diferente nivel, rematado por baixo nunha flor de lis. No outro escudo pódese diferenciar un cabalo pasante sobre auga, atravesado oblicuamente por dous toros de árbore, cunha flor de lis na parte superior e outra na parte inferior. Ao redor desta lápida apréciase unha inscrición incompleta na que se le: (HIZOLA MA)RINO DE PEDROSA:RENOBOLA PEDRO MARINO DA BARA: SU BISNIETO: CON(DE), AÑO 1572.

Preto da porta principal, á man dereita e pegado contra a parede, hai un banco grande que foi encargado a finais do século XVIII por Pedro López de Nodar y Espiñeira, para uso propio e da súa familia. No ano 1882 os seus descendentes solicítanlle a Mondoñedo poder seguir empregándoo para uso familiar. No seu respaldo consta a seguinte inscrición: "BANCO ESPIÑEIRA".

Accesibilidade

Peonil e/ou en autobús e/ou en coche.
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 12/09/2017
Arriba