Historia da Torre de Hércules

Os romanos...

A Torre de Hércules foi construída como faro polos romanos, posiblemente cara a finais do século I e comezos do II. Do seu primitivo aspecto hoxe conservamos o seu interior revestido por un recubrimento arquitectónico realizado a finais do século XVIII. Ao seu pé, tamén se conserva unha inscrición latina gravada sobre rocha, hoxe protexida por unha pequena edificación, na que se recolle o nome do posible arquitecto romano autor da torre.

Aínda quedan moitas incógnitas sobre a orixe e o aspecto primitivo da Torre de Hércules, pero os datos ata agora subministrados e contrastados pola investigación científica (escavacións arqueolóxicas, estudo dos paramentos arquitectónicos e dos métodos construtivos, documentación conservada) permiten asegurar que foron os romanos os construtores do primitivo faro.

Despois da conquista por Roma do Occidente europeo (Hispania, Galia e Britania), a baía coruñesa adquire unha grande importancia nas rutas marítimas romanas que poñen en comunicación o Mediterráneo e as zonas costeiras noratlánticas. Situada nunha costa perigosa, converteuse nun magnífico fondeadoiro para os barcos que emprendían a ruta cara a Britania ou viñan de atravesar os perigos do cabo Finisterre. Os romanos crearon un importante enclave portuario, ao que lle puxeron o nome de Brigantium, e para servir de apoio á navegación das naves comerciais e militares construíron un gran faro ao que hoxe lle chamamos Torre de Hércules.

Os datos ata agora subministrados e contrastados pola investigación científica permiten asegurar que foron os romanos os construtores do primitivo faro

Pola inscrición conservada ao pé da Torre, sabemos que o seu construtor foi Gaio Sevio Lupo, arquitecto da cidade de Aeminium (a actual cidade de Coimbra en Portugal). Cos datos actuais dispoñibles e sen ter certeza absoluta, atribúese a súa construción á época do emperador romano Trajano que gobernou entre os anos 98 e 117 d.C.

Non coñecemos con certeza como era o seu aspecto exterior. Pero tras as escavacións arqueolóxicas realizadas na base da Torre, sabemos que contaba cun muro perimetral exterior e cunha rampla ou escaleira de pedra que daba acceso á plataforma superior. Tampouco coñecemos con exactitude cómo sería o coroamento romano da Torre, pero polos datos conservados tería unha planta circular rematada en forma de cúpula cun oco no centro para saída da luz e do fume que serviría de guía aos barcos.

O núcleo interior, hoxe conservado, ten, en planta, unha base cadrada, con catro ocos interiores que se comunicaban dous a dous; en altura, articulábase en tres pisos sucesivos, e os ocos estaban abertos con bóvedas de canón. Posiblemente estes espazos puidesen servir, entre outras funcións, para gardar o material combustible que ardería na parte superior e tamén para resgardo do persoal de servizo na Torre.

  

A Torre medieval

Nesta época a Torre deixará de funcionar como faro, nalgúns períodos converterase en castelo defensivo e a partir do século XIII en canteira que subministra materiais para a construción do novo núcleo urbano chamado Crunia.

Dende o século V...

Logo da desaparición do imperio romano, a Torre de Hércules sofre, dende o século V, unha progresiva deterioración que provocará a desaparición do seu muro perimetral exterior e da rampla de acceso. No século V, as invasións dos bárbaros provocaron a desaparición da parte occidental do Imperio romano. A chegada dos suevos e vándalos, as incursións dos hérulos e o colapso do poder romano trouxeron consigo que a Torre de Hércules perdese a súa función de faro, agora inútil despois da redución do tráfico marítimo e o aumento dos perigos procedentes do mar. Co abandono da Torre, iniciaríase a súa progresiva deterioración e caída dos perpiaños do seu muro. Aínda así, cabe a posibilidade de que, unha vez asentados os reinos bárbaros en Occidente, a Torre tivese algún papel como referencia nas relacións marítimas que se estableceron nos séculos VI e VII entre o reino suevo de Gallaecia e o reino dos francos.

A partir do século IX...

A partir do século IX, as costas de Occidente estiveron sometidas aos continuos saqueos dos normandos. As fontes escritas recollen o seu ataque no 844 ao Faro Brigantium e ata o século XI Galicia viuse atacada en numerosas ocasións. Nestes séculos a Torre serve como punto de referencia para delimitar un territorio ao que se lle dá o nome de Faro Brigantio ou simplemente Faro; territorio que os reis de Asturias, León e Galicia deixarán en mans de condes ou dos bispos de Santiago.

A Torre converteuse en castelo defensivo, en posto de vixilancia fronte ás ameazas do mar e en obxecto de disputa entre os reis e os señores eclesiásticos e nobiliarios.
Entre os anos 991 e 1126 a Torre estivo, agás algúns breves períodos, baixo o dominio dos bispos de Santiago de Compostela. Nesta época, no lado leste da Torre, pegado ao seu muro exterior, existiu unha construción rectangular de muros de pedra e dividida en dúas estancias. As escavacións arqueolóxicas realizadas puxeron de manifesto unha grande abundancia de fogares e restos de cerámica e orgánicos que indican que debeu funcionar de cociña para os defensores da Torre convertida en fortaleza.

Século XIII...

No século XIII, a partir da construción da nova poboación de Crunia no 1208, a Torre queda abandonada. Os perpiaños caídos e os aínda conservados do muro exterior e da rampla de acceso serviron como canteira onde conseguir material de boa calidade con escaso esforzo para as construcións e fortificacións que se realizaron na Coruña nesta época. A extracción de perpiaños da Torre será prohibida no século XVI; daquela xa non existía nin o muro perimetral exterior nin a rampla de acceso.

A recuperación da Torre coma faro

No século XVII sofre unha importante reforma no interior coa construción dunha nova escaleira de acceso e a instalación de dous farois.

Siglo XVI...

A partir do século XVI iníciase lentamente o proceso da súa conservación e da recuperación da súa función de faro. Neste século a Torre, coñecida como Castelo Vello ou Torre do faro , segue sendo, pola súa posición adiantada cara ao océano, unha atalaia de aviso fronte ás posibles ameazas e ataques procedentes do mar. Este posto de vixilancia estaba baixo a responsabilidade do Concello da cidade, quen pagaba ás persoas que de día e de noite exercían esa función. Polas escavacións realizadas e a documentación conservada parece ser que agora a Torre estaba rodeada dun pequeno foso e parapeto defensivo complementado con barreiras de espiño. A vixilancia na Torre era exercida por mariñeiros ou xubilados da mariña; deles atopáronse nas escavacións restos de pipas de cerámica branca e de placas de óso cos buracos redondos feitos para obter botóns, testemuños das súas actividades cotiás ao pé da Torre.

Tamén nesta época o Concello coruñés inicia a protección da Torre, e prohibe en 1553 a extracción de perpiaños e pedras e ordena reparar as faltas que ameacen a súa estrutura e as escaleiras de madeira que daban acceso á base da Torre.

Siglo XVII...


Será a finais do século XVII cando a Torre de Hércules recupere de novo a súa función de faro. En 1684, o Gobernador e Capitán Xeral do Reino de Galicia, o Duque de Uceda, ordenou a construción dunha escaleira interior de madeira que permitise o acceso á parte superior da Torre. Para facelo, perforaron as bóvedas de canón romanas que separaban o tres pisos da Torre. No cara norte da parte superior realizouse un pequeno balcón para facilitar a vixilancia.

Se na Idade Media a Torre de Hércules serviu como fortaleza e canteira, será a finales do século XVII cando recupere a súa función de faro.
Aproveitando o novo acceso, os cónsules de Inglaterra, Holanda e Flandres propuxeron a construción, ao seu cargo, no alto da Torre de dúas pequenas torretas de pedra, cada unha co seu farol dotado con tres lámpadas de aceite que serían acendidos todas as noites para axudar á navegación. Autorizada a obra polo Duque de Uceda e realizada polo arquitecto coruñés Amaro Antúnez, a Torre recuperou a súa primitiva función de faro. Para custear a súa construción e o sostemento dos dous farois creouse unha nova taxa que deberían pagar todos os barcos que arribasen aos portos galegos.

Siglo XVIII...

Axiña se mostrou que os farois da Torre eran insuficientes. No século XVIII houbo repetidos intentos de mellorar e reparar a Torre, pero non se levaron a cabo. Progresivamente as condicións empeoraron: primeiro deixou de funcionar un dos farois e despois, en 1769, un lóstrego destruíu o que quedaba. De forma transitoria e para substituír o estragado, colocáronse tres farois portátiles, imposibles de acender en épocas de mal tempo. A constante deterioración da Torre e a posibilidade de derrubamento obrigaba a facer importantes reparacións, pero a falta de recursos impedía realizalas.

 

A restauración da Torre

En 1788 comezaron as obras da restauración definitiva da Torre de Hércules. Rematadas en 1790, déronlle á Torre, agás pequenas transformacións posteriores, o seu aspecto actual. Posteriormente realizáronse diversas obras de acondicionamento do contorno.

En 1788...

En 1788, por iniciativa do Real Consulado da Coruña e autorizadas polo rei Carlos III, comezaron as obras da restauración da Torre de Hércules. Estas obras, realizadas polo enxeñeiro militar Eustaquio Giannini, afectaron principalmente ao exterior e á parte superior da Torre. No exterior revestiuse o núcleo primitivo romano cun envoltorio de pedra de estética clasicista. Esta nova fachada ten unha sobria decoración e unha duplicidade simétrica e regular dos vans que na súa meirande parte son falsos e que só nalgúns casos se corresponden coas antigas entradas romanas ás estancias interiores (ás veces tapiadas en parte para manter a regularidade na fachada). A banda diagonal, que percorre os muros en espiral ata o cumio, lembra a antiga rampla romana de acceso.

Na parte superior, levouse a cabo a demolición dos restos da rotonda romana e dos engadidos feitos no século XVII (torretas e balcón) que son substituídos por un novo remate composto de dous corpos octogonais superpostos; o superior contiña inicialmente o fanal ou fogarón que alimentado por carbón serviría de luminaria. No interior, a vella escaleira de madeira foi substituída por unha nova de pedra con pasamáns de madeira.

A restauración rematou en 1790.

Pouco despois acometéronse diversos traballos de acondicionamento do contorno. Proxectáronse a construción do camiño de acceso e unha plataforma rodeando a base da Torre que non se remataría ata 1861. Ademais constrúese unha caseta de pedra para servir de protección da rocha onde estaba a inscrición romana.

Entre 1799 e 1806...

Entre 1799 e 1806, realizáronse novas obras provocadas pola substitución do farol de carbón por un novo fanal xiratorio de reverberos parabólicos alimentado con aceite. Esta instalación obrigou a Giannini a introducir modificacións no cumio da Torre. A cuberta do corpo superior foi demolida e colocouse unha lanterna de cristal que aínda se conserva hoxe. Tamén se realizou a construción dun peculiar pináculo pétreo que alberga a escaleira de acceso á lanterna e instalouse un pararraios.

Séculos XIX e XX...

En 1927 realizouse a electrificación do faro. No século XIX e ata finais do XX, as reformas foron mínimas e apenas afectaron ao interior da Torre, tiveron meirande importancia as que se acometeron no seu contorno. En 1849, o interior da Torre foi acondicionado para instalar as clases da primeira Escola de Torreiros de Faros de España, que se mantiveron ata 1854. Dende 1858 e ata 1906 as paredes interiores da Torre estiveron revestidas con papel estampado. En 1909 a varanda de madeira da escaleira interior foi substituída por outra de pedra. E en 1861 e 1956 construíronse diversos edificios destinados ao aloxamento dos fareiros, situados ao pé da plataforma da base da Torre.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba